Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

"Referentes" estréase este 4 de marzo, cunha conversa entre Mercedes Peón e Lucía Freitas

 

O programa Referentes estréase este xoves, día 4 de marzo, cunha conversa entre Mercedes Peón e Lucía Freitas 

A cociñeira estrela Michelín e a música de éxito mundial denuncian un "abuso nas horas traballadas" que dificulta o acceso das mulleres en igualdade de condicións a postos de responsabilidade 

A área de cultura da Deputación da Coruña impulsa esta proposta co obxectivo de levar cada mes ás redes sociais un diálogo desenfadado e motivador entre persoas de referencia da nosa cultura 

Este xoves, día 4 de marzo, ás 20h30 estréase no Facebook e no Youtube da Área de Cultura da Deputación da Coruña o proxecto audiovisual dixital Referentes, cunha conversa protagonizada pola música de sona mundial Mercedes Peón e pola chef compostela "estrela Michelín" Lucía Freitas. 
Ás portas do 8M, Freitas e Peón denuncian no decurso da súa conversa sobre a vida e sobre as súas profesións a existencia dunha fenda entre a vida persoal e a carreira profesional que dificulta o acceso das mulleres a postos de responsabilidade en igualdade de condicións. "Hai un erro de base", di Freitas, "abúsase das horas traballadas". "Para chegar ao nivel no que traballo eu, deixei unha vida atrás", lamenta, "tardei dous anos en poder sentirme nai, porque non podía saír do traballo para estar co meu cativo". "Cando tes un fillo non podes estar 14h traballando", explica a chef, propietaria d'A Tafona, "falo cando é teu e non che queda máis remedio, pero é que iso non debería facelo ninguén". "Se tiveramos unha xornada de 8h, as mulleres iriamos por diante dos homes", conclúe, "pero, mentres isto sexa así, sempre estaremos en desigualdade, porque a eles ninguén os cuestiona por ser pais de fin de semana" 

  
Mercedes Peón é música, etnógrafa, investigadora, produtora e cantautora, unha artista multifacética que se converteu nunha referencia mundial da world music compartindo co resto da humanidade os tesouros que atopa na tradición galega. Os seus traballos exploran con paixón e compromiso temas como a identidade, o sexo, a linguaxe, a pertenza, o ambiente ou a política social. Entre os moitos recoñecementos que recibiu están o Mellor Disco por Isué da revista Folkworld, finalista a Mellor Artista do Ano na BBC Radio 3 e quinto Mellor Disco no Mundo por Sós no prestixioso World Music Charts. 

  
A compostelana Lucía Freitas está considerada “a chef do momento”. Formouse en Euskadi e Barcelona, aprendeu da cociña e da vida nos fogóns de El Celler de Can Roca, Mugaritz ou El Bohío e aos 27 anos abriu o seu propio restaurante en Compostela: A Tafona Casa de Xantar. Con menús a 12€ e materia prima de primeira calidade, as críticas enxalzábana pero as contas non daban. E todo podía empeorar: cando o seu fillo tiña un mes, quedou sen socio e chea de débedas. O camiño dende querer pechar a gañar unha estrela Michelín adubiouno converténdose na única muller finalista do concurso Cocinero del Año de 2016 e titelando a apertura dun dos restaurantes de moda en Manhattan: o Tomiño. Hoxe rexenta un segundo establecemento en Santiago, o Lume (slow food a fume de carozo), e quere abrir outro no Xapón. 

A xornalista Marga Pazos, gañadora dun Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora, conducirá a conversa entre estas dúas mulleres referentes presentes e futuras da sociedade galega. Falarán da vida e da paixón coa que elas a afrontan e ese diálogo desenfadado ofreceralle ao público unha oportunidade única para ver a actualidade dende un novo prisma, reflexionando sobre a nosa cultura e sobre as ferramentas que nos ofrece para reinventarnos. 

A Cultura en tempos de pandemia, máis dereito ca nunca 

Neste contexto pandémico no que se unen unha certa tensión no ambiente cun enorme consumo audiovisual na rede, un novo proxecto busca recuperar o pracer do diálogo amable e construtivo entre persoas con diferentes perfís e intereses. Referentes é un proxecto audiovisual dixital, un ciclo de charlas entre persoas de referencia na nosa cultura que se poderá ver de balde na rede co obxectivo de "afondar no Nós colectivo", en palabras de Xurxo Couto. Cada mes, difundirase unha conversa entre Referentes da cultura e da sociedade galegas, que nos permitirán coñecer e valorar o noso xeito de vida e situarnos inequívocamente no mundo, proxectándonos cara un futuro tan difuso como incerto coa nosa identidade como piar básico. 

A área de Cultura da Deputación da Coruña que dirixe Couto impulsa esta proposta para "afondar na diversidade do noso pobo a través dunha serie de conversas entre artistas, intelectuais e pensadoras de diversos ámbitos e disciplinas que nos amosarán unha visión da nosa realidade cultural e social inspiradora e motivadora". O obxectivo que persegue a Deputación da Coruña é o de "imaxinarmos novos mundos dende o agora, empregando a cultura como bálsamo e motor con ánimo analítico, propositivo e transformador da nosa realidade". "Unha cultura, unha lingua e un país precisan ter os seus propios referentes", explica Couto. "No caso galego, temos figuras de relevancia que están a abrir camiños e tamén a exportar a nosa cultura e presentarnos e representarnos máis alá das nosas fronteiras... e este programa quere que se coñezan a fondo e que se escoiten". 
Referentes enmárcase dentro da campaña "A Cultura é un dereito" artellada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña para afianzar a mensaxe de que a cultura constrúe unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial. "Ao noso ver, a cultura é fundamental para a sociedade, é un dereito para todos e todas e tamén un sector de especial relevancia non só para a economía do país senón tamén para a nosa calidade de vida", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto. 

O mundo da Cultura é dos que máis forte está a sufrir o impacto da pandemia do coronavirus. Un impacto que non se cinxe só no eido laboral, con miles de profesionais afectados, senón en canto á cultura como dereito social, como alierce dunha sociedade, como ferramenta para a mellora social. "Acreditamos firmemente en que a cultura é un dereito, que alimenta, que nos fai o que somos", remata Couto. "O espazo das ideas e dos valores, que non pode reducirse a ornamento. Por iso traballamos. Cultura en todos os concellos, cultura con todas as persoas".


Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement