O BNG de Vigo demandará no Pleno medidas fronte a crise industrial e comercial que vive a cidade

O Bloque Nacionalista Galego levará ao Pleno do Concello de Vigo, que se celebrará este mércores, unha moción na que recollen unha serie de medidas concretas coas que facer fronte á crise industrial e comercial que atravesa a cidade. A fronte nacionalista propón a posta en marcha dun Plan de Reindustrialización, a intervención pública de Barreras, a creación dunha Mesa Galega da automoción, despregar unha liña de axudas municipais ao comercio e a hostalaría e rebaixar o IVE das perruquerías ao 10%.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, presentou publicamente a moción que as nacionalistas someterán a debate e votación do Pleno, advertindo de que a cidade xa ten máis de 24 mil persoas no desemprego, ás que se engaden moitos centos de persoas afectadas por ERTEs, e que no último ano destruíronse 2.500 postos de traballo na industria viguesa.

“Importantes sectores como a automoción ou a construción naval enfrontan situación críticas, e o comercio e a hostalaría seguen a padecer a falla dun apoio efectivo por parte das administracións públicas e, singularmente a ausencia de axudas directas polo Concello. E a isto hai que sumar a situación límite do sector das perruquerías, barberías e centros de estética a consecuencia da suba inxusta e abusiva do IVE e a imposibilidade de accederen ás axudas despregadas pola Xunta”, explicou o portavoz municipal nacionalista.

Entre as medidas que propoñen inclúese a demanda de que se impulse un Plan de reactivación industrial e económica da comarca de Vigo, dotado como mínimo con 10 millóns de euros. Esta proposta xa foi formulada polo Bloque tanto á Xunta de Galiza como ao Goberno do Estado, a través de emendas aos respectivos orzamentos para este 2021 e que foi rexeitada tanto polo Partido Popular como por PSOE e Unidas Podemos.

Para enfrontar a situación crítica en Barreras e co obxectivo de garantir a continuidade da actividade e do emprego no estaleiro e, desta maneira, blindar o futuro do sector naval, a fronte nacionalista quere que o Pleno demande de Xunta e Goberno español interveñan para o converter nun estaleiro público ou semipúblico.

Outro dos ámbitos que aborda a moción do Bloque son os reptos e incertezas que envolven o futuro do sector da automoción. Unha actividade “fundamental” para Vigo e a súa área sob a que paira a ameaza da deslocalización produtiva e unha crecente precarización das condicións laborais. Neste sentido, demandan a creación da Mesa Galega da Automoción e o despregamento dunha tarifa eléctrica industrial galega, que permita reducir o custo enerxético facendo valer o feito de que Galiza sexamos un produtor neto de enerxía que exporta por volta do 40% da que produce.

A fronte nacionalista volverá insistir, ademais, en que o Concello de Vigo despregue liñas de axuda directas ao pequeno e mediano comercio local e á hostalaría, tal e como demandan desde hai moitos meses, para “evitar que Vigo continúe a ser a única das sete grandes cidades galegas que non destina nin un euro de axuda directa ao sector”.

Perruquerías

Por último, a moción nacionalista pretende corrixir os efectos da inxusta a abusiva suba do IVE no sector das perruquerías, barberías e centros de estética, demandando de maneira expresa que se reduza o tipo impositivo ao 10% fronte ao 21% actual. “A suba imposta polo Partido Popular en 2012 supuxo unha mazada ao sector. Moitos estabelecementos xa fecharon as portas e moitos empregos foron destruídos. Estamos a tempo de evitar máis feches”, defende Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista lembra que esta medida xa foi defendida polo deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, a través dunha emenda aos orzamentos xerais do Estado que foi rexeitada por PSOE e Unidas Podemos. “Trátase de pasar das palabras ao feitos. Durante estas semanas escoitamos unha posición case unánime por parte de todas as forzas políticas con representación no Pleno en favor da redución do IVE. Con esta moción, PP, PSOE e Marea de Vigo, van ter a oportunidade de expresar co seu voto o apoio a este sector sumándose á moción do BNG”, reclamou.

Tamén demandan que a Xunta consensúe co sector as condicións de acceso ás axudas económicas despregadas pola administración galego, ás que non puideron acollerse a inmensa maioría das perruquerías polas súas características, ao se tratar de microPEMEs.

“Con esta moción o BNG queremos poñer acima da mesa a principal preocupación das viguesas e os vigueses que é a situación económica, produtiva e laboral da cidade e pedir medidas concretas e reais para atallar os efectos desta crise”, resumiu Igrexas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.