Fronteras. AECT Río Miño sigue creyendo que en Lisboa y Madrid no tienen ni idea de la realidad de la "raia"


Os 26 municipios pontevedreses e portugueses o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial AECT Río Miño veñen de convocar para este luns unha nova reunión con carácter urxente para analizar o que clasifican de “total e persistente descoñecemento” dos gobernos centrais de Madrid e Lisboa sobre a realidade do territorio miñoto, o de maior circulación de toda a fronteira ibérica. A intención do encontro, segundo apunta o vicedirector Uxío Benítez, é avanzar con novas accións de protesta en prol da defensa dos intereses das traballadoras e dos traballadores transfronteirizos e de transportes de mercadorías, así como das moitas empresas afectadas “polo calvario diario de afunilamento no paso de Tui-Valença”.

Este encontro entre os alcaldes e alcaldesas do AECT Río Miño xorde tras publicación do despacho polo Ministerio da Administración Interna do Goberno de Portugal que mantén a Ponte Internacional de Tui-Valença como o único punto de paso autorizado durante 24 horas, coa novidade da apertura parcial da ponte Arbo-Melgaço, tres horas no período da mañá e tres horas no período da tarde, ampliando ese mesmo horario parcial en Salvaterra- Monção.

As e os mandatarios de ambas as marxes do río Miño asumen de maneira unánime as dificultades froito da pandemia Covid-19 e a necesidade dunha actuación eficaz para o seu combate. Sen embargo, subliñan que a apertura de todos os pasos “en nada contradi o obxectivo de salvaguardar a saúde pública”.

“Este cambio nos pasos autorizados polo despacho é ‘lanzar area aos ollos’ dos alcaldes e alcaldesas e das súas poboacións, pois non satisfai en absoluto as pretensións anteriormente expostas, alén de manter o calvário de afunilamento de tránsito en Valença-Tui e de reiterar a indisponibilidade do Goberno de soportar os custos de máis puntos de paso autorizados controlados, querendo traspor para os traballadores grande parte desa carga”, subliña Benítez, que engade que só se pretende facilitar o tránsito ás persoas autorizadas.

Benítez destacou que non hai razóns obxectivas para non abrir todos os pasos “senón só razóns cicateiras que toman gobernos dende a lonxanía e sen coñecemento”, polo que pediu un “esforzo superior” a Madrid e a Lisboa tanto en comprensión da realidade da fronteira miñota como á hora de dotar de medios os controis dos puntos de pasaxe autorizada.

Neste sentido, lembrou que a ponte de Tomiño-Vila Nova de Cerveira -que polo de agora permanecerá pechada tralos últimos cambios- é a 5ª con máis movemento de vehículos das 64 de toda a raia entre España e Portugal. Citou que nas inmediacións deste viaduto sitúase o parque empresarial de Cerveira, con 4.300 persoas traballadoras das que máis dun milleiro son galegas. “Hai unha relación comercial umbilical entre unha e outra beira. Tui-Valença está a 16 quilómetros e A Guarda a 27 quilómetros. O paso a través da ponte da Amizade recurtaría as distancias acumuladas que todo o persoal laboral ten que percorrer de maneira obrigada”, subliñou.

“Non abrir todos os pasos é un castigo para exercer a súa actividade laboral aos milleiros de traballadores e traballadoras que son considerados esenciais para a dinámica económica de ambos países”, insistiu o nacionalista, que destacou que a situación está a crear unha “enorme preocupación e inquietude tanto nos alcaldes, alcaldesas e presidentes de cámara como nos empresarios da zona e no transporte de mercadorías”.

Apuntou que tras coñecerse a decisión do Ministerio da Administración Interna de Portugal, os municipios de fronteira xa recibiron un importante número de emails de traballadoras e traballadores transfronteirizos e de empresarios de grandes empresas “para compartir o relatorio da súa situación, desgastado e aflitivo a nivel persoal, económico e profesional por ter que percorrer decenas de quilómetros de rodeos”.

“Unha vez máis, as poboacións da raia miñota están a ser tratadas como o ‘parente pobre’ polos Gobernos de Portugal e España”, finalizou Benítez.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.