Bará afirmou que “O Estado non nos fai ningún favor: o que ten que facer
é devolver parte do multimillonario negocio da AP9, do que é “socio” con
AUDASA”.
Cargos do BNG participaron hoxe en Pontevedra nun acto de "denuncia da aldraxe da AP9" no que esixiron ao goberno central a baixada inmediata
das peaxes da AP9 e o cumprimento do acordo de investidura que prevé 4 actuacións
en relación coa autoestrada:
- Unha bonificación substancial das peaxes, cando menos coa gratuidade na viaxe
de volta para persoas usuarias recorrentes
- A compensación con cargo aos orzamentos do Estado das subas extraordinarias
derivadas das obras de ampliación da ponte de Rande
- A supresión da peaxe entre Redondela e Vigo
- A transferencia da AP9 a Galicia.
O Bloque insiste en que "cómpre lembrar que foi o voto decisivo do deputado do BNG Néstor Rego o que permitiu
arrincarlle literalmente este acordo histórico ao PSOE, un acordo que rompe con
décadas de subas abusivas das peaxes e que abre a porta a que esta infraestrutura sexa
xestionada desde Galiza".
Segundo afirmou o deputado nacionalista Luís Bará, “non hai razóns para que se
demore a aplicación destes acordos e, en todo caso, consideramos que se debe
contemplar a aplicación retroactiva desde o 1 de xaneiro”.
Para reclamar o cumprimento do pacto e para acabar coa aldraxe da AP9, o BNG está a
desenvolver unha campaña en todo o país que inclúe actos simbólicos, colocación de faixas e carteis.
Polo momento, o goberno socialista-comunista do Estado non fai caso algun á reivindicación do BNG que fala de beneficios multimillonarios obtidos tanto pola
concesionaria como polo Estado, “os grandes beneficiarios do atraco diario que
sofren as 20.000 persoas que utilizan a autoestrada”, segundo Luís Bará.
Para o deputado nacionalista, “a concesionaria leva ingresados máis de 1.000
millóns de euros de beneficios desde a privatización en 2003 aprobada polo PP
de Aznar; mentres que o Estado obtivo máis de 2.300 millóns, dos cales 1.586
son resultado da privatización e máis de 700 proveñen dos ingresos fiscais por
IVE e Imposto de Sociedades”.