Vigo. 40 millones se gasta la Xunta en la nueva Ciudad de la Justicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a Cidade da Xustiza de Vigo como a “xoia da coroa” do Plan de infraestruturas xudiciais que, cun investimento de máis de 40 millóns de euros, recuperará para os vigueses un edificio histórico e emblemático que concentrará todas as dotacións xudiciais da cidade. 
Durante unha visita esta tarde á fase final das obras, xunto a unha representación do Consello Xeral do Poder Xudicial, encabezada polo seu presidente, Carlos Lesmes, Feijóo resaltou a complexidade da actuación, así como o traballo de todo o persoal –preto de 200 persoas nestes meses e ata 300 nos seguintes- para completar unha infraestrutura que disporá de case 44.000 metros cadrados para albergar 37 unidades xudiciais e con espazo para outras 20, preparada polo tanto para futuras ampliacións.
Así mesmo, o edificio contará cunha gardería con máis de 40 prazas para os fillos dos traballadores do complexo ao que está previsto que se trasladen preto de 500 persoas.
Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta lembrou que esta obra forma parte do Plan de infraestruturas xudiciais que, dotado con 100 millóns de euros, está practicamente executado na súa totalidade, permitindo contar con novos edificios en Santiago, Ourense e Pontevedra, así como recuperar para a cidade da Coruña outro edificio emblemático como era a Fábrica de Tabacos e destinado a usos xudiciais. 
“Estamos a falar dun plan que suporá investir nunha década máis do que se investiu en todos os anos anteriores desde que Galicia asumiu a competencia nesta materia”, lembrou, referíndose a outras medidas postas en marcha tamén nos últimos anos para abordar a modernización da Xustiza na Comunidade como: o plan de renovación de mobiliario, con 5 millóns de euros; o Plan Expurgo; o Plan de novas tecnoloxías, dotado con case 50 millóns de euros; “e solicitamos e dotamos novos xulgados: 22 novos xulgados nos últimos dez anos”, engadiu.
O presidente do Goberno galego concluíu subliñando que o Executivo autonómico seguirá traballando e acreditando que Vigo é a cidade onde máis inviste a Xunta; e despois da construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e da depuradora da ría de Vigo, aseverou que a Cidade da Xustiza “é a terceira obra máis importante que fixo a Xunta en corenta anos”.




Artículo Anterior Artículo Siguiente