O presidente da Xunta participou na Cidade da Cultura nunha xornada sobre o impacto do regulamento europeo de intelixencia artificial nas organizacións
RUEDA DESTACA QUE GALICIA VAI SER A PRIMEIRA REXIÓN DE EUROPA EN CONTAR CUNHA LEI PROPIA SOBRE O USO DA INTELIXENCIA ARTIFICIAL
Salienta a importancia que a intelixencia artificial ten en moitos ámbitos do día a día, mellorando a vida das persoas
Remarca a necesidade de garantir un uso seguro e ético desta tecnoloxía
Destaca que Galicia vai á vangarda europea neste eido
Representantes autonómicos reúnense en Santiago para establecer uns principios comúns para a xestión ética e responsable da IA nas administracións públicas
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, subliñou hoxe que Galicia vai ser a primeira rexión en toda Europa en contar cunha lei propia sobre o uso da intelixencia artificial.
Así o destacou no acto xornada sobre “o impacto do Regulamento Europeo de IA nas organizacións”, organizada pola Xunta de Galicia en colaboración con Gartner, que contou coa participación de representantes de doce comunidades autónomas de España e da recentemente nomeada directora da Oficina de IA da Comisión Europea, Lucilla Sioli.
Durante a súa intervención, Rueda salientou a importancia que a intelixencia artificial ten en tantos ámbitos do día a día. Neste sentido, afirmou que se trata dunha cuestión xa de presente, e da que hai que aproveitar todo o seu potencial. Así mesmo, manifestou a súa alegría por encontros como este: “É bo que teñamos un espazo común onde falar entre todos de como o estamos facendo, intercambiar boas experiencias e avanzar no fundamental máis ou menos á mesma velocidade”, declarou.
Ao mesmo tempo, o presidente remarcou a necesidade de regular esta tecnoloxía, co obxectivo de garantir un uso seguro e ético, e buscando sempre avanzar: “Un fenómeno con tantísimo potencial debe ser regulado para que funcione adecuadamente”, salientou Rueda.
Neste sentido, destacou que Galicia vai á vangarda española e europea nesta tecnoloxía grazas á iniciativa das empresas e a políticas como a Estratexia Galega de IA, dotada con 300 millóns de euros. E, ademais, Galicia converterase na primeira rexión europea en afrontar a regulación do desenvolvemento e impulso desta tecnoloxía na Administración tras a aprobación do proxecto de lei por parte do Consello de Goberno. Unha lei que, para o presidente, vai ser clave para mellorar a calidade de vida e benestar das persoas: “Igual que todos os grandes avances da Humanidade, ten moitas máis vantaxes que inconvenientes. Facelo ben desde o principio vai ser fundamental para o camiño que queda por percorrer, que é moi longo”, rematou o presidente.
Principios comúns entre comunidades
Ao rematar a xornada, representantes de doce gobernos autonómicos mantiveron un encontro, co obxectivo de establecer uns principios comúns para a xestión ética e responsable da intelixencia artificial que poidan ser asumidos por todas as Comunidades Autónomas.