"Cultura no Camiño" levará este verán 305 actuacións escénicas e musicais a 88 localidades das rutas xacobeas


    •    O concerto de Paty Lesta & The Hits en Vilagarcía de Arousa, o teatro infantil de Bandullo Azul e as narracións de Cris de Caldas en Barreiros inauguran hoxe a 12ª edición do programa
    •    A Consellería de Cultura, en colaboración cos concellos participantes, ofrece ata o 31 de agosto as actuacións de máis de 140 artistas, bandas e compañías en moitas citas ao aire libre e ao pé dos distintos Camiños a Santiago
    •    Os concertos de Rosa Cedrón, Antía Muíños ou Catuxa Salom forman parte dunha ampla oferta que inclúe tamén propostas de circo, maxia, danza e teatro da man de compañías como Barafunda, Ghazafelhos ou Redrum Teatro

 Arranca hoxe unha nova edición do circuíto de exhibición de espectáculos Cultura no Camiño, no que a Xunta de Galicia vai ofrecer 305 actuacións artísticas en 88 municipios polos que transcorren as diferentes Rutas Xacobeas. Organizada e cofinanciada xunto cos concellos participantes, a programación estenderase ata o 31 de agosto e abrangue propostas de circo, danza, música e teatro a cargo de 144 artistas e grupos galegos.

O programa funciona como un escaparate da nosa cultura ao longo dos treitos galegos dos distintos Camiños a Santiago de Compostela, cunha selección de espectáculos que volve amosar a excelencia, a diversidade e o talento do país no ámbito da produción de espectáculos versátiles e dirixidos a público marcadamente familiar. Moitas das propostas atoparanse co público en espazos ao aire libre e ao pé das sendas de peregrinaxe e sempre con acceso gratuíto.

Ademais, Cultura no Camiño permitirá mobilizar uns 500.000 euros en contratacións artísticas grazas á contribución dos concellos implicados neste programa de dinamización dos municipios galegos vencellados aos diferentes itinerarios xacobeos.

Música, teatro e narración oral esta fin de semana
O concerto de Paty Lesta & The Hits hoxe sábado ás 16,00 h. no Parque de Carboeiro de Oroso será a primeira actuación do cartel de Cultura no Camiño neste 2024. En Vilagarcía de Arousa a cita é co teatro no Parque Miguel Hernández con dúas funcións: hoxe sábado Vicki e a felicidade, da compañía Bandullo Azul, enfocada ao público familiar; e o domingo o espectáculo Indóciles de Vero Rilo.

A programación desta fin de semana complétase coas propostas que acollerá o concello mariñán de Barreiros, onde recibirán hoxe as narracións de Ida e Volta, de Cris de Caldas nas Escolas de Celeiro de Mariñaos, e mañá  domingo a María da Pontragha Coa palabra na boca, na Escola de Vilamarín Pequeno.

Con estas cinco citas, abrirase a programación da 12ª edición de Cultura no Camiño, que distribuirá as súas 305 actuacións polas catro provincias: A Coruña, con 89 actuacións en  30 concellos; Pontevedra, con 87 citas en 24 municipios; Lugo, con 81 funcións e concertos en 21 concellos; e Ourense, con 48 datas en 13 localidades.

Programación ata o final de agosto
Das 305 actuacións de Cultura no Camiño deste ano, 93 corresponden a concertos que ofrecerán artistas como Rosa Cedrón, Antía Muíño, Catuxa Salom, Silvia Penide, A Quenlla, A Roda, MJ Pérez, Paco Nogueiras ou Leticia Rey. Os espectáculos de maxia, que representan 45 funcións, correrán a cargo dalgúns dos nomes máis destacados desta disciplina en Galicia, como son Mago Teto ou Mago Antón.

O novo circo, que acapara 57 citas do cartel, estará presente en Cultura no Camiño da man de formacións como  Pistacatro, Isla Letriska, Circo Chosco ou Peter Punk Pallaso. Teatro Ghazafelhos, Barafunda, Redrum Teatro ou as narradoras orais Vero Rilo e Cris de Caldas son outras das propostas protagonistas dos 110 espectáculos de artes escénicas que se desenvolverán no marco deste ciclo. O groso das citas celebraranse en agosto, mes no que están previstas máis de 140 funcións.

Toda a programación actualizada pode consultarse na Axenda da Cultura de Galicia.