A saúde mental centra a conversa entre Melania Cruz e Elena Ferro no "Referentes"

A actriz e a artesá zoqueira protagonizan este xoves día 6 ás 20h30 a cuarta entrega da proposta audiovisual da área de cultura da Deputación da Coruña

A saúde mental e o estigma social que acompaña doenzas tan prevalentes na sociedade galega como a depresión centran parte a conversa que manteñen a actriz Melania Cruz e a artesá zoqueira Elena Ferro na cuarta entrega do proxecto audiovisual dixital Referentes, que se estrea este día 6 de maio ás 20h30 no Facebook e no Youtube da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Tanto Melania Cruz como Elena Ferro lamentan o silencio que existe arredor das doenzas mentais. "Fálase pouco da ansiedade ou da depresión", di Melania Cruz, "e está ben falar destes temas, porque todo o mundo atravesa nalgún momento da súa vida situacións que te poden levar a sufrilas". "Eu creo que hai que dicilo para que a xente se anime a expoñer sen ningún tipo de medo que está atravesando por un momento duro", argumenta. E lamenta que cando ela explicou que padecía depresión alguén lle recomendou "non o vaias dicir publicamente, porque igual afecta a túa carreira". "Eu atravesei varios periodos de depresión e estiven traballando tan campante", conclúe. Elena Ferro concorda e recorda que as mulleres sofren especialmente este silenciamento e asegura que ela "aprendeu moitísimo das etapas malas, de depresión ou de ansiedade".

O síndrome da impostora, a inestabilidade laboral das profesións creativas, a diferenza de trato que existe entre as actrices e os seus compañeiros homes, o impacto que tiveron as mulleres da súa familia na súa personalidade e na súa vida, a importancia das relacións de parella, o adiamento na decisión de ser nai ou a influenza trascendental que tiveron as feiras na carreira de Elena Ferro son algúns dos outros temas que tratan as dúas mulleres que protagonizan o cuarto Referentes..




Melania Cruz naceu en Lugo un día de Galicia, o 25 de xullo de 1983. Fixo teatro dende moi noviña e obtivo o título en ensino superior pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, ao mesmo tempo que se formou como mestra de Inglés. Deu clases, organizou e participou en varios espectáculos teatrais e fundou en 2012 a compañía iMaquinario Teatro. Dende ese momento a interpretación centrou a súa vida profesional e forxou unha carreira chea de éxitos e recoñecementos en certames tan prestixiosos como os María Casares, os Mestre Mateo ou o recente Premio Cinema Galego no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. Protagonizou seis longametraxes: A esmorga, Sicixia, Dhogs, Trote e Ons (todas premiadas tamén) e acaba de estrear Arima de Jaione Camborda; participou en series de televisión exitosas como Viradeira, Serramoura ou A estiba, en varias curtametraxes e en máis dunha ducia de montaxes teatrais.



Elena Ferro naceu no seo dunha saga de zoqueiros de Merza (Viladecruces) en 1975. Criouse no taller de seu avó Perfecto Ferro (1900), vendo traballar a seu pai e a súa tía Agripina, entre coiro, madeira, cravos e ferramentas. Dende pequeniña levábana vender ás feiras, onde aprendeu a tratar coa xente e a observar a evolución no mercado dun produto que pouco a pouco perdía usuarios (“por culpa das katiuskas!”, bromea) e se asociaba no imaxinario colectivo á pobreza, ao traballo no campo e ao pan de millo. Herdou un negocio en decadencia e soubo facelo revivir con traballo, imaxinación e creatividade, factores que a fixeron merecedora do Premio Nacional de Artesanía 2019. A día de hoxe segue traballando co seu equipo (incluído o seu pai e a súa tía Agripina) no seu taller de Merza, dende onde crea os zocos tradicionais galegos “revisitados” para todo o mundo.

A xornalista Marga Pazos, gañadora dun Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora, conducirá a conversa entre estes dous referentes presentes e futuras da sociedade galega. Falarán da vida e da paixón coa que elas a afrontan e ese diálogo desenfadado ofreceralle ao público unha oportunidade única para ver a actualidade dende un novo prisma, reflexionando sobre a nosa cultura e sobre as ferramentas que nos ofrece para reinventarnos.

A cultura en tempos de pandemia, máis dereito ca nunca

Neste contexto pandémico no que se unen unha certa tensión no ambiente cun enorme consumo audiovisual na rede, un novo proxecto busca recuperar o pracer do diálogo amable e construtivo entre persoas con diferentes perfís e intereses. Referentes é un proxecto audiovisual dixital, un ciclo de charlas entre persoas de referencia na nosa cultura que se poderá ver de balde na rede co obxectivo de "afondar no Nós colectivo", en palabras de Xurxo Couto. Cada mes, difundirase unha conversa entre Referentes da cultura e da sociedade galegas, que nos permitirán coñecer e valorar o noso xeito de vida e situarnos inequívocamente no mundo, proxectándonos cara un futuro tan difuso como incerto coa nosa identidade como piar básico.

A área de cultura da Deputación da Coruña que dirixe Couto impulsa esta proposta para "afondar na diversidade do noso pobo a través dunha serie de conversas entre artistas, intelectuais e pensadoras de diversos ámbitos e disciplinas que nos amosarán unha visión da nosa realidade cultural e social inspiradora e motivadora". O obxectivo que persegue a Deputación da Coruña é o de "imaxinarmos novos mundos dende o agora, empregando a cultura como bálsamo e motor con ánimo analítico, propositivo e transformador da nosa realidade". "Unha cultura, unha lingua e un país precisan ter os seus propios referentes", explica Couto. "No caso galego, temos figuras de relevancia que están a abrir camiños e tamén a exportar a nosa cultura e presentarnos e representarnos máis alá das nosas fronteiras... e este programa quere que se coñezan a fondo e que se escoiten".

Referentes enmárcase dentro da campaña "A Cultura é un dereito" artellada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña para afianzar a mensaxe de que a cultura constrúe unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial. "Ao noso ver, a cultura é fundamental para a sociedade, é un dereito para todos e todas e tamén un sector de especial relevancia non só para a economía do país senón tamén para a nosa calidade de vida", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

O mundo da cultura é dos que máis forte está a sufrir o impacto da pandemia do coronavirus. Un impacto que non se cinxe só no eido laboral, con miles de profesionais afectados, senón en canto á cultura como dereito social, como alierce dunha sociedade, como ferramenta para a mellora social. "Acreditamos firmemente en que a cultura é un dereito, que alimenta, que nos fai o que somos", remata Couto. "O espazo das ideas e dos valores, que non pode reducirse a ornamento. Por iso traballamos. Cultura en todos os concellos, cultura con todas as persoas".


Todos os programas de Referentes


A cantante e comunicadora Fátima Pego e o escritor e xornalista Manuel Rivas protagonizaron o #Referentes03


A escritora Berta Dávila e o cineasta Alfonso Zarauza protagonizaron o #Referentes02


A artista multidisciplinar Mercedes Peón e a chef Lucía Freitas protagonizaron o #Referentes01

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.