A CIG-Ensino comparte a preocupación das traballadoras da EIM Santa Marta polos seus postos de traballo ante a pretensión do goberno municipal de derrubar o edificio da Escola.
A Escola Infantil fica fóra da intervención de urbanización do Barrio do Cura e do controvertido túnel da Porta do Sol. Porén o Concello alega que o edificio “estorba” á dita actuación urbanística, polo que xestiona o traslado da Escola “a un centro escolar próximo”. Así o acabou manifestando o concelleiro de Educación ante as preguntas tanto de FOANPAS como da CIG-Ensino no pleno do Consello Escolar Municipal do 10 de febreiro, lembra o sindicato.
"O concelleiro non foi quen de comunicar ao Consello que se pretende trasladar as dúas aulas de 1 e 2 anos e eliminar a de 0 anos, reducindo o servizo e pondo en perigo a continuidade da escola. Unha vez máis, a educación non é a prioridade" refere o sindicato que explica que "o suposto novo emprazamento conta con dous centros da Consellaría de Educación, un deles con espazo insuficiente. Todo o cal complica unha “alternativa” de reubicación que non ofrece ningunha garantía á escola, nin ás once traballadoras, nin ás familias, ademáis de coutar as posibilidades futuras da cidade", insiste CIG-Ensino.
"A escola faise máis necesaria que nunca. Precisamente o Concello debería prever a súa ampliación, pois a reurbanización residencial proxectada fará aumentar tanto a necesidade de prazas infantís como a superficie pública na contorna", concluen desde o sindicato.