BREAKING NEWS
latest

468x60

header-ad

MENSAJE de FIN DE AÑO) "Todos e cada un dos galegos son imprescindibles", afirma Feijóo

Boas tardes a todos.

Moitos de vostedes lembrarán este escenario. Ao longo deste ano, en numerosas ocasións, utilicei este mesmo atril para comunicarlles datos sobre a evolución da pandemia, acordos relacionados coa situación sanitaria e medidas para combater a covid-19.

A miña primeira mensaxe ten que ser para recordar a aqueles galegos que nos dixeron adeus para sempre por culpa da pandemia.

E tamén para as súas familias, e para todas as que neste ano tan difícil despediron a un ser querido por calquera razón. Foi un ano no que nin sequera puidemos dicir adeus como nos gustaría aos que se foron. Sabemos que ese inmenso baleiro nunca se poderá compensar.

Hoxe quero utilizar de novo este atril para compartir con vostedes a idea de que este foi un ano para esquecer. Pero tamén para recordar.

Foi o ano no que estivemos confinados. Foi o ano das medidas de prevención ás que non estabamos acostumados. O ano no que moitas familias sufriron dificultades de todo tipo que ninguén agardaba.

Porén, estes meses tamén teñen outra faciana que nos permite sentir un lexítimo orgullo. Todos pensamos nos profesionais sanitarios que deron o mellor de si para curar e salvar vidas. E nos traballadores das residencias de maiores que os coidaron e os protexeron da soidade.

Todos temos presentes aos profesionais educativos e aos nenos e adolescentes que se adaptaron a novas normas de maneira admirable. E a aqueles que se esforzaron por manter servizos indispensables para nós. Todos admiramos aos que nunca se renderon, á xente solidaria que sentimos preto de nós neses momentos angustiosos.

Galicia afrontou esta proba inédita con resolución e sen medo. Nos fogares, nos centros de traballo, nas rúas, a maioría da nosa xente mostrou o mellor de si. A distancia social combinouse cunha proximidade cívica.

Este tamén foi o ano en que nos demos conta de que cada galego é imprescindible. Formamos un pobo no que todos dependemos de todos. Un pobo no que xuntos somos máis fortes.

Galicia deu a talla como Comunidade e tamén como un conxunto de institucións capaces de traballar harmonicamente. Todas nos esforzamos por trasladar á xestión da pandemia os dous aspectos máis salientables da resposta que deu a sociedade galega: rigor e afectos.

Tan importante como arbitrar medidas rigorosas baseadas en criterios de expertos, é coidar esa afectividade que nos fai sentir parte dunha cidadanía solidaria na que ninguén é alleo. Volveuse evidenciar esa Galicia entendida como fogar común, como familia.

Esa resposta social é aínda máis meritoria tendo en conta a complexidade das medidas que nos vemos obrigados a tomar. Sei que modificamos normativas con frecuencia para adaptalas a unha situación cambiante. Sei que afectamos todos os aspectos da vida cotiá, incluídas estas Festas. Sei que a chegada da covid truncou proxectos persoais e profesionais. Sei tamén que aínda hoxe hai moitas persoas que temen polos efectos económicos que terá para as súas familias. Autónomos, profesionais da hostalería, empresas que viven este Nadal con incerteza de como afrontar todo isto.

Seino e síntoo de todo corazón. Pero tamén sei que comprenden que cada medida adoptada en Galicia tivo como obxectivo protexelos a todos, a todos vostedes, e poder continuar como unha das comunidades con mellor comportamento nesta pandemia. Non é un consolo porque a afectación tamén aquí é moi importante, pero é unha motivación para seguir tomando as decisións que sexan necesarias o tempo que aínda sexa preciso.

Por suposto, seguirémolas adoptando acompañados sempre dos expertos do Comité Clínico, aos que nunca lles agradeceremos dabondo as horas e o esforzo que teñen dedicado a pensar no que é mellor para todos.

E adoptámolas tamén acompañados da maioría dos galegos, que respectan e cumpren as normas.

Pídolles, porque non podo deixar aínda de facelo, que sigan sendo responsables. A vacina que os galegos xa están a recibir, e que se vai estender pouco a pouco, é o principio do fin. Pero non cometamos o erro de pensar que neste momento xa todo rematou, porque non é así. Cómpre que sigamos sendo escrupulosos no cumprimento das medidas de prevención. Sigámolo facendo por cada un de nós, polos que queremos e por todos.

A crise do coronavirus aínda segue esixindo rapidez nas decisións, eficacia e precisión, requisitos que non sempre son fáciles de conciliar. A maioría de vostedes aceptárono responsablemente, malia as molestias e problemas que se ocasionaron e ocasionan. E debo dicirlles que, en cada resposta que estivo á altura, atopo inspiración para a política.

Defendo unha política exemplar porque exemplar tamén é a sociedade á que representamos. Defendo unha política baseada no consenso porque o pobo tamén afronta os problemas e as ilusións con unidade. Defendo esa política consciente de que fai falla defendela porque non sempre se practica. E vostedes merécena.

Non lonxe de onde me atopo, a Catedral de Santiago loce xa un novo aspecto exterior e interior despois das importantes obras de restauración realizadas. É un feito cheo de simbolismo. A Catedral é unha das imaxes da Galicia que perdura tras percorrer un longo camiño. É consecuencia de moitos esforzos e reformas que deron como resultado un conxunto harmónico que resiste todos os desafíos. É un resumo da Galicia que se apresta a celebrar o Xacobeo do 2021.

Hai motivos para esperanza. Non temos certezas, pero si indicios de que esta mala etapa do camiño terá pronto un final, cando as vacinas que se están comezando a poñer cheguen a todos.

Hai motivos para a confianza. Porque os mesmos galegos que afrontamos con tesón a pandemia somos os que agora imos pelexar a recuperación.

Cando ese momento chegue, Galicia está preparada para aproveitar as medidas de reactivación que a Unión Europea acordou. Ímolo facer con responsabilidade e sobre todo conscientes de que ningún galego pode quedar á marxe. Se estamos loitando xuntos contra a pandemia, xuntos volveremos erguernos e avanzar.

E, sobre todo, hai motivos para a ilusión. En moitos de vostedes, nas familias máis danadas, será algo máis difícil atopalos. Pero tamén chegarán.

Os novos galegos que naceron este ano.

Os pais e as nais ou os avós e as avoas que o foron por primeira vez.

Aqueles que remataron os seus estudos e superaron unha nova etapa da vida.

Os que reabriron os seus negocios cheos de expectativas.

Os que, pese a todo, non deixaron de crear.

Todos eles ensínannos que sempre hai motivos para seguir adiante.

Hoxe aínda vivimos un Nadal no que moitos afectos teñen que manifestarse a distancia e en medio de limitacións. É difícil non poder estar cos que queremos, telos lonxe.

Pero é un prezo que hoxe hai que pagar para que o mañá sexa moi distinto. Un mañá de apertas, xuntanzas e felicidade.

Un mañá no que a Galicia ferida deixe paso á Galicia esperanzada que todos ansiamos e que sen dúbida chegará.

Un mañá no que o camiño tan duro que fixemos este ano mereza a pena porque vexamos o final, cheguemos á meta e volvamos desfrutarnos como nos merecemos.

Bo Nadal e que o 2021 sexa un ano mellor, un Ano Xacobeo.

Moitas, moitísimas grazas a todos.

Ánimo e adiante.







« PREV
NEXT »