Bueu llena de color y arte sus calles en el fin de semana del Corpus con las tradicionales alfombras florales

Máis de cincuenta alfombras encherán de cor e arte as rúas da vila de Bueu con motivo da celebración da Festa das Alfombras do Corpus, que se celebrará a fin de semana do 22 e 23 de xuño e na que as persoas visitantes poderán gozar dos tapices así como dunhas xornadas con música e diversas actividades. Esta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia e organizada pola Asociación Cultural das Alfombras de Bueu e o Concello, coa colaboración da Xunta de Galicia,  Deputación de Pontevedra, a Axencia Galega de Turismo e ABanca, busca poñer en valor a tradición e vinculala coa cultura, para chegar a todas as franxas de idade da poboación. Así o detallou o concelleiro de cultura, Xosé Leal, durante a rolda de prensa celebrada este xoves, na que estivo acompañado do alcalde Félix Juncal, da presidenta da Asociación das Alfombras, Carmen Santos, e do ilustrador gráfico e autor do cartel desta edición, Luís Davila, máis coñecido como “O Bichero”. 
O rexedor destacou que “hai que recoñecer o bo traballo levado a cabo pola Asociación, que xustamente cumpre cinco anos de vida, e que recuperou unha tradición que se atopaba agonizante”. Félix Juncal declarou que “os valores de colaboración, esforzo compartido e intercambio xeracional son os que se fomentan desde a asociación, e por iso o Concello apoia este proxecto coa achega dunha subvención nominativa de 12.000 €”. 
Pola súa banda, Xosé Leal avanzou que o programa arrancará o sábado co concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que terá lugar ás 22 horas no exterior do Centro Social do Mar, financiado no marco do programa da Deputación de Pontevedra Musigal. O espectáculo contará con quince músicos en escena para recrear un directo poderoso coa colaboración tamén de doce cantoras e percusionistas. Como se definen na súa páxina web, “humildes e poderosos a un tempo… Adufes, pandeiretas, cunchas, pandeiras… Todo un exército de parches para montar unha foliada de dimensións ciclópeas”.  Ese mesmo día, ás 10 horas, a asociación realizará na pista da Banda do Río unha alfombra infantil sobre a “Banda de Vilacendoi” de Xulio Gayoso, na que se convida a participar aos pequenos e pequenas da vila. 
Luís Davila, quen deseñou o cartel desta edición a petición do Concello de Bueu, destacou que “busquei unha composición tipográfica, cunha similitude especial ás alfombras, polo que ten unha vertente máis pictórica”. O ilustrador bueués tamén confeccionou tres personaxes alfombristas (entre os que está a mítica Dora das viñetas do “Bichero”) que serán empregadas para un photocall que estará dispoñible polas rúas da vila durante o evento. 
O domingo, a vila lucirá coas alfombras florais con temática musical durante todo o día. Segundo salienta Carmen Santos, presidenta da Asociación, “este ano solicitamos a colaboración da cidadanía para crear esta obra colectiva que se mantén desde fai 106 anos”. O percorrido será de 1,5 quilómetros e irá desde Eduardo Vincenti, Pazos Fontenla, Francisco Escaneo e Montero Ríos. 
Xa pola noite, os festexos culminarán coa actuación da orquestra Johnny Maquinaria, que se poderá ver ás nove e media da noite no exterior do Centro Social.  Así mesmo, esta festa contará con actos relixiosos, sendo un dos máis destacados a misa solemne e procesión. 

As alfombras florais, protagonistas da vila

A Asociación das Alfombras de Bueu leva desenvolvendo unha importante labor a prol da recuperación da tradición floral da vila morracense. Por iso, dende a súa creación no 2015, organizaron diversas xornadas específicas que inclúen conferencias, exposicións e galas de homenaxe aos alfombristas máis veteráns. 





Copyright © RÍAS BAIXAS TRIBUNA. Designed by OddThemes