Bandeiras azuis) Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na entrega destes distintivos a praias, portos deportivos e centros azuis


ÁNGELES VÁZQUEZ SALIENTA QUE AS 140 BANDEIRAS AZUIS DE 2024 CONSOLIDAN GALICIA COMO EXEMPLO DO COIDADO AMBIENTAL DOS RECURSOS NATURAIS DO LITORAL

Incide en que estes recoñecementos poñen en valor a costa, o patrimonio natural e a imaxe turística da Comunidade como destino sustentable e de calidade
Salienta que estes galardóns son de especial transcendencia para mellorar a calidade das augas, o estado das praias e os servizos que se ofrecen nelas
Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia (60) e Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que as 140 bandeiras azuis que este ano reciben 114 praias, 11 portos deportivos e 15 centros azuis consolidan Galicia como exemplo do coidado ambiental dos recursos naturais do litoral.

Durante o acto de entrega destes distintivos  de carácter internacional que concede a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), a conselleira puxo en valor que Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).

A maiores, explicou que, tendo en conta as 49 bandeiras entregadas a sendeiros azuis o pasado mes de marzo, Galicia atesoura un total 189 insignias azuis, balance co que mellora a súa posición a nivel nacional ao superar por primeira vez a Andalucía (con 188) e situarse como a segunda comunidade española con máis distintivos azuis en todas as categorías.

Nesa liña, Ángeles Vázquez incidiu en que estes recoñecementos poñen en valor a costa, o patrimonio natural e a imaxe turística da Comunidade como destino sustentable e de calidade.

Cómpre lembrar que a concesión dunha bandeira azul a unha praia ou a un porto deportivo responde a criterios de calidade das augas -que debe ser excelente-, seguridade e accesibilidade, dotación de servizos e xestión ambiental e sustentabilidade.

E, no caso dos centros azuis, que, como subliñou a conselleira, este ano lucirán por primeira vez este distintivo como tal, deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio. Cómpre lembrar que esta categoría engloba ás aulas de natureza, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á formación ambiental.

Para concluír, Ángeles Vázquez incidiu en que estes galardóns son de especial transcendencia para “mellorar a calidade das augas, o estado das nosas praias e os servizos que ofrecemos nelas así como para incentivar o turismo sostible e responsable na nosa Comunidade”. Nese senso, subliñou que precisamente os nosos recursos naturais e paisaxísticos son algunhas das principais motivacións para visitar Galicia.

Bandeiras por provincias e concellos
Máis polo miúdo, por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 60 que recaen noutras tantas praias e outras 6 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 38 areais e 4 portos e no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 16 praias e 1 porto deportivo.

Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que logrou en 2023. O concello pontevedrés suma tamén 3 distincións para outros tantos portos e terá de novo 1 centro azul. Ademais, cómpre subliñar o caso de Vigo, que con 12 praias con bandeira é a cidade galega que recibe máis galardóns.

Así mesmo, no caso da provincia da Coruña, Arteixo volve ser o que concentra un maior número de bandeiras, con 7 areais seleccionados; seguido da Coruña —5 areais e 1 porto—, Oleiros —5 praias e 2 centros azuis— e Ferrol —con 5 areais tamén—.

Por último, Foz é o concello lucense con máis praias galardoadas, un total de 5; seguido de Burela, con 2 praias e 2 centros azuis; Barreiros e O Vicedo, que suman 2 areais cada un deles, e Ribadeo, tamén con 2 praias e que un ano máis conta cun porto galardoado.