Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

CINE) ‘Ons’, de Alfonso Zarauza, chega ás salas comerciais das sete cidades galegas


  • A boa acollida do público fai que ‘Ons’ se manteña nos cines da Coruña, Vigo, Santiago, Lugo e Ferrol, e se incorpore aos de Ourense e Pontevedra.

  • O seu director, Alfonso Zarauza, fará presentacións do filme esta fin de semana en Santiago, Ourense e Vigo. 


Na súa cuarta semana en cines, a longametraxe ‘Ons’, dirixida por Alfonso Zarauza, reforza a súa presenza nas salas incorporándose á carteleira dos Cines Pontevella de Ourense e nos Cinexpo de Pontevedra, cidades ás que aínda non chegara a estrea comercial. Tamén chega esta semana a novas salas coma o Cine Teatro Salesianos de Vigo, que a proxectará o 8, 9 e 10 de xaneiro ou o Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, que a proxecta os días 6, 7 e 8 de xaneiro. 


Ademais, o equipo do filme continúa a facer presentacións por toda a xeografía galega. Alfonso Zarauza acompañará a proxección de Ons en Ourense o sábado 9 ás 20h cunha presentación e coloquio nos Cines Ponte Vella, na compaña do produtor Xavi Font, e o domingo farao no Cine Salesianos de Vigo, na última sesión das 20h, acompañado dun dos actores protagonistas, Antonio Durán ‘Morris’. Ademais, a sala NUMAX de Compostela acollerá dúas presentacións co director nas sesións do 8 de xaneiro ás 17h e o 14 de xaneiro ás 18:30h.


A longametraxe ‘Ons’ estreouse o 18 de decemro e colocouse como segunda película máis vista nas salas de cine galegas, só superada por Wonder Woman 1984 nos cinemas dos centros comerciais. O público respondeu así de forma moi positiva á estrea deste filme en lingua galega, que se manterá na maioría das salas despois das festas. Neste momento ‘Ons’ está dispoñible en cinemas de Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo, Ferrol, Ourense Pontevedra, Caldas de Reis e o Barco de Valdeorras.


O filme, coproducido con Portugal e ambientado na Illa de Ons,  é un drama emocional con toques de misterio protagonizado por Melania Cruz e Antonio Durán ‘Morris’. Interpretan un matrimonio en crise, que trata de salvar a súa relación vivindo unha temporada na illa de Ons e que cruza o seu destino co dunha muller amnésica que aparece naufragada na praia. Completan o reparto Xúlio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Miguel de Lira, Diego Anido, Montse Martínez e Cris Iglesias. Na banda sonora do filme destaca a canción ‘Na cela’ do grupo de Carballo Chicharrón, que adapta un poema de Antía Otero.


Trátase da quinta longametraxe de Alfonso Zarauza, un dos cineastas galegos máis sólidos e experimentados, tras A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014) e A viaxe dos Chévere (2014). Ons está coproducida por Maruxiña Film Company (Galicia) e Bando à Parte (Portugal) e conta coa participación da Televisión de Galicia (TVG) e da Rádio e Televisão de Portugal (RTP), con subvención de Agadic e coa colaboración da Deputación de Pontevedra. 


Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement