Como cada ano, na recta final de xullo, Galicia é unha inmensa festa e un especial sentimento...
Os galegos estamos a celebrar nestes días a mais grande das nosas festas, a nosa semana grande do verán. Cada 25 de xullo Santiago Apóstolo lémbranos o seu padroado e convídanos a gozar do Día da Patria, no que conflúen o lúdico, co institucional e o relixioso. Ao igual que nos milleiros de festas e romarías que, durante todo o verán e por toda a nosa xeografía, se celebran na honra de santos e virxes, ou para recordar que sufrimos invasións, que este foi un país de nobres ou para dar boa conta dos saborosos manxares que distinguen a nosa gastronomía.
25 DE XULLO
No verán galego celébranse ao redor de catro mil festas, pero a do Apóstolo é a máis nosa. Porque nela conflúen o lúdico, o oficial, o oficioso e as cuestións da fe. O 25 de xullo en Galicia é a noite dos fogos, a parada militar, a ofrenda, a manifestación, o mitin, a verbena popular ou o gran concerto. É dicir, a festa total. Político-social, relixioso-cultural, tradicional…
Santiago de Compostela é o epicentro da celebración, pero os actos conmemorativos na honra do patrón esténdense a todo o país. E sempre foi así.
Aínda que o 25 de xullo adquiriu carácter de concentración popular no 1924, cando un grupo de intelectuais, encabezados por Daniel Afonso Rodríguez Castelao, deu un sentido reinvindicativo á conmemoración e creou o Día da Patria Galega.
Ese día, ademais de fogos, misa, ofrenda e mitin, a praza do Obradoiro foi o escenario do primeiro concurso de gaitas que se recorda. No xurado estaban, ademais de Castelao, dous rapaces etnógrafos, Filgueira Valverde e Xaquín Lorenzo, Xocas. E gañou o concurso outro rapaz de Soutelo de Montes, Avelino Cachafeiro, que sería considerado pola historia o mellor gaiteiro de todos os tempos.
Na festa da modernidade compostelá segue a lembrarse aqueles galegos ilustres, pero os protagonistas son agora os milleiros de peregrinos que fan coincidir con este día a súa arribada á catedral do Apóstolo.
E os galegos non esquecemos que en Santiago, Fillo do Trono, está a orixe das peregrinacións e do noso turismo… como conta a primeira guía da historia, aquela que escribiu o clérigo francés Aymérico Picaud.
A GRAN FESTA
Santiago de Compostela, a capital, e toda Galicia, estoupan de xúbilo esta semana, cando os galegos honramos o noso patrón que o é tamén de España. O 25 de xullo é unha data moi especial para este país, posto que se vive desde diferentes prismas e forma parte como celebración da nosa historia máis recente. Sí, hoxe Galicia está de festa, celebra o seu Día Nacional.
Naceu como festividade relixiosa co costume de peregrinar a Compostela. A Igrexa católica chámao Día do Apóstolo Santiago, en cuxa honra se levantou a magnífica catedral, testemuña de pedra dos actos relixiosos, sociais e mais os lúdicos que hoxe se celebran no seu contorno.
Durante a primeira metade do século XX, o 25 de xullo tivo tamén un carácter cultural, liderado polos pais do galeguismo da época, que encabezaba Afonso Rodríguez Castelao. Celebrábanse daquela xogos florais e concursos de música popular, ademais dos típicos festexos na honra de Santiago, organizados polo Concello.
A remuda daquel nacionalismo cultural caeu nas mans doutros novos políticos, incluso durante a ditadura franquista, que reconverteron aqueles actos nunha festa reivindicativa, con manifestacións que terminaban sempre disoltas pola policía estatal. E así naceu o Día da Patria Galega, a gran cita do nacionalismo e do galeguismo, á que lle conceden unha grande importancia os partidos da esquerda nacionalista.
Porén, desde que Galicia ten o seu propio Goberno autónomo, o 25 de xullo é oficialmente o Día de Galicia e nel celébranse toda unha serie de actos oficiais que desembocan na gran festa para celebrar que somos un país de verde pel ao que conducen sete camiños polos que chegan xentes de toda raza e condición. Con cultura e identidade propia, herdada de reis sabios e de poetas capaces de converter a ausencia nunha fermosa arte literaria, expresada no noso idioma, nobre e harmonioso, nado para a expresión falada e para as letras, hai máis de mil primaveras.
Pero o 25 de xullo é, á marxe deste tipo de celebracións institucionais e relixiosas, a festa grande de Compostela e de media Galicia.
A noite do 24 xa ole a pólvora dos fogos artificiais máis vistosos, que iluminan con mil cores o ceo do país. Hai concertos para os máis novos e para os que non o son tanto, e incluso toca a orquestra na vella alameda, os ritmos tropicais. Aquí vos agardamos o ano que vén… como adoita dicirse, se o Apóstolo o permite.
Pero esta vez, neste día grande, nesta semana grande, gustaríanos lembrarvos que este noso país ten os seus mitos e que na maxinación literaria foi unha especie de Olimpo chamado…
ETERNIA, A PATRIA DE OS DEUSES
Os mitos. Personaxes que forman parte da historia ou da lenda. Consubstanciais coa paisaxe e indispensables na Terra das meigas. O himno destaca a Breogán, fillo de Brath, o gran conquistador que fundou a cidade de Brigantia, a actual A Coruña, onde se erixiu o faro máis antigo do mundo: a Torre de Hércules.
Este monumento, Patrimonio da Humanidade, ten tamén a súa propia lenda: di que nos seus cimentos está a cabeza de Xerión, un vello rei de Troia vencido por Hércules e sobre cuxo cadáver levantouse este antigo faro.
Noia. Unha moi antiga tradición atribúe a orixe desta localidade a unha neta de Xafet, fillo de Noé, que atracou nestas costas tras o gran diluvio universal. Plinio na súa Historia Natural falaba da fortaleza de Noela describindo os pobos celtas desta terra.
O escudo de Noia reflicte a arca de Noé aboiando sobre o mar e enriba dela unha pomba co ramo de oliveira no peteiro.
Descendendo pola costa ata chegar a Pontevedra, atopamos no seu pasado outro mito. O grego Teucro, fillo de Telamón e hábil arqueiro na guerra de Troia. Repudiado polo seu pai por non vingar a morte do seu irmán Aiax, viuse obrigado a emigrar na percura dunha nova patria á que chamou Helenes, que non é outra que a actual Pontevedra.
O gran mito romano atoparémolo na historia de Lugo. O emperador César Augusto non só foi o fundador da cidade senón tamén da Gallaecia.
Interesantes páxinas bríndanos tamén a historia de Pontedeume, a vila fundada polos condes de Andrade. Unha vella lenda conta que a ponte que motiva o seu nome foi construída polo diaño nunha noite…
Relata cómo o rapaz Ledán afogou no río un día de treboada cando ía ver a súa amada Minla, filla de Fernán Pérez de Andrade. Ela, ao escoitar os berros de agonía de Ledán, promete entregar a súa alma ao mesmísimo Belcebú se este constrúe a ponte no prazo establecido.
Son moitos os personaxes históricos vencellados á mitoloxía galega. Heroes, nobres ou incluso relixiosos que escribiron páxinas que mesturan o real coa ficción. O bispo Xelmírez está directamente relacionado coa historia de Santiago de Compostela e foi vital no desenvolvemento da tradición xacobea.
O cabaleiro feudal, Pedro Madruga, chamado así pola súa teima de cabalgar polas mañás, está estreitamente vencellado ás terras de Soutomaior, no val pontevedrés do Oitavén. Espléndido lugar que el recuperou nunha dura loita contra os Irmandiños.
Sancho Sánchez de Ulloa foi o primeiro conde de Monterrei, o castelo mellor conservado de Galicia. Aventureiro en México foi un grande impulsor do desenvolvemento deste val no medievo.
A raíña Urraca tamén foi unha gran protagonista da Galicia medieval. As súas visitas de fortaleza en fortaleza na busca de amores por terras galegas, nunca foron ben entendidas. Estes son os grandes mitos de Galicia, o país da chuvia e o sol. O lugar onde remata o mundo. A terra da morriña… O paraíso elixido por aqueles deuses que a chamaron Eternia…
Texto, imágenes e edición de Xerardo Rodríguez