Ampla programación de Deputación para as Letras Galegas 2021 baixo o lema ‘365 días en galego’
A Deputación de Pontevedra presentou hoxe a programación que desenvolverá para conmemorar as Letras Galegas 2021 baixo o lema ‘365 días en galego’ con actividades durante todo o ano dirixidas principalmente á xente moza. O seu obxectivo: reivindicar a lingua propia como identidade e espertar a responsabilidade persoal da cidadanía para que non deixe de falar en galego, así como de todas as institucións para que cumpran a súa obriga de fomentalo.
A presentación das actividades, que irán dende espectáculos, exposicións, obradoiros para o ensino ata accións escénica, correu da man da presidenta provincial Carmela Silva, a deputada de Lingua María Ortega e de Cultura Victoria Alonso, que estiveron acompañadas pola poeta e especialista en Xela Arias, Tamara Andrés, e o viúvo e fotógrafo da autora, Xulio Gil.
Como mestra de cerimonias, a titular da área de Lingua María Ortega subliñou que este 2021 o país ten a honra de camiñar na compaña de Xela Arias, a quen definiu como “unha muller brava que acubilla adxectivos como excéntrica, pioneira, rupturista, inconformista, transgresora e que defendía a liberdade (ben entendida, non deturpada como agora se fai uso desa palabra), e que xurdiu como unha nova voz na poesía galega nos anos 80 para seguir hoxe igual de vixente para a xente moza”.
Ortega aproveitou a ocasión para facer unha reflexión sobre a lingua e a necesidade de responsabilidade individual para defendela non deixando de falala e de consumir cultura, productos e música en galego. Tamén fixo referencia á responsabilidade institucional co idioma propio, que debe ir máis alá dos actos simbólicos e ser un eixo transversal das diferentes áreas das administracións e non só dos departamentos de Lingua e Cultura. “Esa responsabilidade que nós exercemos de xeito consciente dende a Deputación, pedimos a outras administracións que tamén a exerzan”, reivindicou.
Pola súa parte, Silva insistiu en que a Deputación “bota a casa pola ventá” nestas Letras Galegas e “moito máis” neste 2021, “porque celebramos a nosa lingua e a nosa cultura e a unha muller”, tras citar que nos últimos 50 anos só houbo 5 galardoadas. E insistiu en que tamén é un momento de “reivindicación de todo o que as mulleres teñen aportado a este pobo e a esta cultura”.
A presidenta provincial destacou que a programación da institución “é un compromiso real coa lingua e a cultura e a igualdade” e recolle amais as propostas “dos construtores e construtoras de cultura en Galicia, que veñen a propoñernos cousas e a falarnos a falarnos daquela intelixencia e talento creativo que hai fora dos despachos. E as tomamos como propias, o que fala dunha forma diferente de facer as cousas, aínda que temos que seguir mellorando”.
“Con este día reivindicamos o noso –manifestou Carmela Silva-, aquelo que nos fai auténticas e auténticos, nos identifica e nos constrúe como pobo. Temos que reivindicar a nosa lingua, a nosa cultura, das máis potentes do mundo. Creo que é un paso adiante o presumir do noso e sentirnos moi importantes en relación a outras moitas cultura as que apreciamos e coas que nos relacionamos”.
Neste senso, a presidenta engadiu que “Xela Arias representa como ninguén ese compromiso lingua cultura e coa igualdade” e cualificouna como “un monumento a todo aquelo que queremos construír”. “Era unha grande feminista, cando selo era mais difícil que agora –dixo-. Era unha muller absolutamente comprometida, empoderada, que estaba de pé e se poñía no centro que é algo que temos que seguir a facer hoxe; temos que ser reivindicativas”, sinalou.
A presidenta leu varios textos da autora nos que quedou patente o seu compromiso co feminismo e a lingua e subliñou que grazas a autora, “hoxe está a haber unha gran revolución cultural en Galicia con nome de muller, sobre todo na escrita, onde as mulleres están ocupando os mellores postos, tanto na narrativa, poesía, no teatro, na divulgación e ela ten moito que ver con estes nomes”. E rematou lendo unha das súas citas e subliñando que “nos rouban a alma cando nos rouban a lingua”.
Pola súa banda o fotógrafo e viúvo de Xela Arias, Xulio Gil, agradeceu no seu nome e do resto da familia da autora o traballo de difusión sobre a súa figura e a súa obra, que segundo dixo xa quedarán recoñecidas de maneira atemporal. Gil fixo un repaso do traballo en conxunto entre a poeta e el como fotógrafo subliñando a importancia do ambiente cultural e de liberdade que se vivía no Vigo dos anos 80 para que puidera terse producido.
Quixo tamén abogar polo uso do galego e lembrar a teoría de que na emigración nunha porcentaxe alta dos suicidios teñen como marca principal o despoxo da lingua. “Isto tamén nos pasa cando nos depoxan da lingua aínda que non esteamos a quilómetros de distancia. Temos que consumir productos de Galicia e en galego. E unha das mellores maneiras é que todos os xestos simbólicos que se fagan co idioma –en relación á programación da Deputación- sexan homologables e de calidade para que a xente nova diga ‘isto mola’”, explicou.
Programación completa: espectáculos, exposicións, obradoiros e escena
En canto á programación completa, a deputada de Lingua explicou que está enfocada á mocidade principalmente e prolongarase durante todo este ano. As primeiras actividades serán un espectáculo multidisciplinar en Vigo e Pontevedra os vindeiros xoves 13 e venres 14 de maio ás 19.30 da tarde titulado ‘X Xela’, nos que todo xirará en torno a obra da autora misturando tres formatos: música, poesía e fotografía, como ela mesma facía. “Será un show dinámico, atractivo e 100% feminino para homenaxear a unhapoeta tan singular. Para asistir será preciso solicitar convite no correo vicepresidencia@depo.es”, apuntou Ortega.
A parte musical do evento correrá a cargo da Banda da Loba, unha formación galega que está a revolucionar a música galega coa mestura de música e literatura, que musicarán poemas de Xela Arias dende formatos máis tenros ata o punk rock pasando polo country ou o bolero; a parte de fotografía tómase das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria; e a parte de poesía está comisariada por Tamara Andrés.
Foi a mesma Tamara Andrés a que explicou que a parte poética de ‘X Xela’ contará con catro poetas que representan, comparten a forza e a linguaxe poética da homenaxeada: “Helena Salgueiro, que ten a poesía incrustada no corpo; Estíbaliz Espinosa, unha poeta cos pés na terra, a ollada no ceo e a lingua e o corazón cheos de curiosidade; e Nuria Vil e Vanessa Glemsel, que teñen o proxecto ‘Dúas gamberras e un micro’, que son rebeldes e denunciadoras de desequilibrios e lanzan frases coma frechas. O espírito de Xela estará moi presente”, subliñou a comisaria.
Por outra parte, a deputada de Lingua tamén anunciou unha parte educativa en colaboración coa AELG, grazas á que se realizarán en diferentes centros de ensino de Primaria e Secundaria 20 obradoiros sobre Xela Arias. A xornalista e escritora Lara Dopazo Ruibal será a encargada da parte de 3º e 4º da ESO, mentres o obradoiro ‘Xelapalabra’ correrá a cargo do escritor Jesús Castro Yáñez e dirixirase a 4º, 5º e 6º de Primaria, actuando como se fose un concurso televisivo no que as probas supéranse adiviñando pistas ou definicións de palabras relacionadas con Xela Arias. Celebraranse nas vindeiras semanas en Pontevedra, Vigo, Marín, Tomiño, A Estrada, Fornelos, Oia e Agolada, onde os centros xa esgotaron as prazas da AELG, que teñen unha longa lista de agarda.
A deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, incidiu en que as actividades programadas desde o seu departamento abranguerán todo o ano. Haberá dúas exposicións, a primeira titulada ‘Lebres como gacelas’, que “é un proxecto multidisciplinar que integra palabra e imaxes, poesía e fotografía”. Está inspirada en “Tigres como cabalos” a obra de Arias con fotografías de Xulio Gil. Neste caso recollerá as imaxes da fotógrafa Eva Díaz e o fotógrafo Fran Herbello, así como poemas de nova creación baseados nelas a cargo de recoñecidas poetas galegas como Olga Novo, Alba Cid, Lara Dopazo, Lorena Conde, Antía Otero, Tamara Andrés e Miriam Ferradáns, “coa idea de poñer en valor a figura de Xela Arias”. Esta mostra servirá de base para o concurso de fotografía e poesía que se lanzará, dirixido ao alumnado Secundaria e Bacharelato.
A outra exposición será ‘Xela Arias, a poesía do retrato’, en colaboración co Concello de Vigo, que reunirá poemas da autora xunto a retratos realizados por Xulio Gil durante os anos 80 e 90, “co obxectivo de achegarnos á figura máis intima de Xela”.
Doutra banda, a Deputación apoiará ás editoriais a través de varios libros vinculados á homenaxeada, en concreto tres da autora lanzados por Xerais, ‘Darío a diario’, ‘Poesía reunida’ e ‘Intermpériome’, así como outros sobre a escritora: ‘Xela Arias. Poeta e tradutora’, de Anxo X. Rajó Pazó. (Editorial Ir Indo) e ‘Xela quixo ser ela’ de Yolanda Castaño (Editorial Xerais).
Por último, programarase unha acción escénica no Castelo de Soutomaior para vincular a figura de Xela Arias coa de María Vinyals. Trátase de ‘Vencerse é unha cousa de se tratar’, unha proposta de Fernando Abreu na que participa Monica de nut, Pablo Carrera e Roi Fernández e baixo a direccion de Avelino González.
(Imaxe : Rafa Estévez / Depo)