Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Homenaxe á docente Teresa Domínguez

“Ela é a mestra”, sentenciou hoxe a presidenta da Deputación, Carmela Silva, no emotivo acto de homenaxe que esta mañá a institución dedicou á docente Teresa Domínguez. Este “merecidísimo recoñecemento” á ex directora do CRA Clara Torres de Tui, “polo seu exemplo de compromiso e dedicación por unha educación en igualdade”, tivo lugar na presentación da nova edición para o 2021 dos Calendarios Competenciais, coordinados pola propia Teresa Domínguez e que a Deputación vai distribuír un ano máis en 7.600 centros de Infantil, Primaria e Secundaria da provincia. No acto, a presidenta provincial fíxolle entrega dunha figura de porcelana e gres titulada “Flor de Inverno”, inspirada nunha camelia e que foi elaborada pola creadora viguesa Ana Tenorio. ”Como di a artista –sinalou- , a camelia simboliza en xeral estima, admiración e gratitude, e nós estimamos a Teresa, a admiramos e lle temos unha inmensa gratitude”.

Carmela Silva destacou á docente como “un exemplo da loita por unha educación pública de calidade” e definiuna como “unha muller inspiradora, que nos permite ter esperanza, primeiro porque a pesar de xubilarse segue moi activa, e logo porque deixa a outras moitas mulleres herdeiras dunha forma de entender o mundo, baseada nunha educación pública, de calidade e na defensa a morte dos centros do rural”. Neste senso, tamén subliñou que os “imprescindibles” Calendarios Competenciais que Teresa Domínguez leva realizando desde o 2010, foron unha das iniciativas que máis valorou o xurado da Fundación Princesa de Girona, para concederlle este ano ao Clara Torres o premio Escola do Ano. “É moi difícil que un CRA de un pequeno concello consiga ser a mellor escola, así que sintámonos orgullosos das nosas mestras e mestres da nosa comunidade, que a pesares de recortes seguen a manter a calidade educativa”, dixo.
Teresa Domínguez quixo agradecer a implicación da Deputación co mundo rural e sinalou a necesidade de “seguir loitando pola educación” e sobre todo, de “reseteala”, algo que segundo indicou volveu evidenciar o confinamento “no que nos centros educativos vivimos situacións dramáticas”. A docente apuntou que “non podemos seguir reproducindo nos centros e nos contextos sociais o mesmo cada ano. Sexamos arriscados e mudemos cousas. A educación non é cuestión de ideoloxías, senón do dereito que teñen os nosos nenos e nenas, e os nosos adolescentes”.

Os Calendarios Competenciais, unha ferramenta didáctica que aporta imaxinativas propostas de aprendizaxe para traballar nas aulas e no fogar cada mes, chegan por vez primeira á etapa de Secundaria e “tratan de integrar os retos e as metas que a ONU establece na Axenda 2030”. “O desenvolvemento sostible e estes obxectivos están integrados xa no currículum, só lle temos que dar forza, visibilidade e importancia”, apuntou Domínguez. “Queremos persoas do futuro –engadiu- que teñan iniciativas e pensamento crítico e poidan visibilizar as desigualdades ou a fame na súa contorna”. No caso de Infantil e Primeira, incídese nas actividades corresponsables, “porque a igualdade empézase a xestar no contexto familiar“. “Debemos visibilizar cales son os contidos de referencia para seguir adiante cunha educación de calidade, que leve aos nosos nenos e nenas a ter habilidades e coñecementos e valores para a sociedade do século XXI. Eles e elas teñen o dereito a que as familias se impliquen na súa educación. Pero tamén é un deber dos centros educativos ofrecer ás familias esas ferramentas. O querer aprender xuntos e xuntas é unha ferramenta de futuro e unha ferramenta de presente”.
Os calendarios prestan especial atención ás actividades relacionadas cos ODS e tamén visibilizan o papel das mulleres en distintos ámbitos. No 2021 teñen como protagonistas ás do sector da saúde, “mulleres sanitarias do pasado que marcaron unha liña para as do presente”. Deste xeito, destácanse a dúas enfermeiras, unha pediatra, catro médicas, tres matronas, unha ATS e unha catedrática de Inmunoloxía da provincia. Así mesmo, a presencia de mulleres destaca nas ideas de literatura e cine. “Porque non hai posibilidade de boas producións audiovisuais se ese cine non nos mira”, sinalou a mestra aludindo a unha frase dou seu irmá Daniel, referente do sector en Galicia e recentemente falecido.
A Deputación distribuirá 7.672 calendarios en 46 centros (35 de Infantil e Primaria e 11 institutos). Serán 2.067 en Infantil; 2.668 en Primaria; 2.729 en Secundaria e 208 en Bacharelato.


Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement