Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Papel importante del Museo de Pontevedra en "Encuentros Museísticos. Las colecciones del exilio"

"RIAS BAIXAS TRIBUNA" es una web que funciona sin ánimo de lucro alguno. Es de agradecer el interés que muestras por esta opción...


O MUSEO DE PONTEVEDRA EXPLICA “A COMPLEXA RECUPERACIÓN” DO LEGADO DE CASTELAO NO CONGRESO ‘ENCONTROS MUSEÍSTICOS. AS COLECCIÓNS DO EXILIO’ 


A conservadora Ángeles Tilve participou na sesión ‘Arte e memoria nas coleccións españolas’ no evento organizado polos ministerios de Memoria Democrática e Cultura     


A colección Castelao suma hoxe preto de 2.000 orixinais no Museo de Pontevedra grazas a cesións, acordos e depósitos


O Museo de Pontevedra abriu hoxe, da man da conservadora Ángeles Tilve, o Congreso ‘Encontros Museísticos. As coleccións do exilio’ organizado polos ministerios de Memoria Democrática e Cultura para dar a coñecer as orixes e evolución do legado de Castelao na institución pontevedresa. 


A técnica participou na sesión ‘Arte e memoria nas coleccións españolas’ explicando “o longo e complexo proceso de recuperación dunha das coleccións do exilio, a colección Castelao, reunida no Museo de Pontevedra, así como o labor de investigación e difusión sobre a súa figura que o Museo vén realizando desde hai décadas”.


Tilve subliñou que a “importantísima colección”, iniciada cun pequeno depósito persoal do autor en 1931, suma hoxe preto de 2.000 orixinais que, xunto coa súa importante biblioteca, manuscritos, documentos, fotografías e obxectos persoais, permiten coñecer as múltiples facetas que Castelao desenvolveu nos campos da creación artística, literaria e política. Unha ampla selección destas obras, destacou, exhíbese nas dúas salas dedicadas ao artista na colección permanente, cunha superficie de máis de 200 metros cadrados, no Sexto edificio do Museo. 


En 2012 o conxunto da obra de Castelao, material e inmaterial, lembrou a conservadora, foi declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia, xa que como artista, ilustrador,  escenógrafo, pensador, ensaísta, autor de textos literarios, dramaturgo e político, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao “é quizais a figura máis simbólica e representativa do século  XX en Galicia” e deixou unha profunda pegada na sociedade galega “como ferramenta e vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial de Galicia”.


Facendo un percorrido pola vida de Castelao, Tilve destacou que Castelao obtivo acta de deputado nas Cortes en 1931 e en 1936, sendo moi activo a favor do Estatuto. Subliñou que a súa estadía en Madrid cando aconteceu o golpe de Estado lle salvou a vida, mais viuse obrigado ao exilio a Bos Aires, onde morrería en 1950, considerado un artista especialmente “odiado” polo Réxime. 


Foi Castelao, lembrou Tilve, unha das persoas grazas ás que naceu o propio Museo de Pontevedra, nun ambiente -da revista ‘Nós’- que pretendeía dar universalidade á identidade singular de Galicia, motivo polo que en 1931 deixara en depósito once debuxos a cor. En 1937 estas obras foron inacutadas xudicialmente xunto a outras do seu domicilio para garantir o pago dunha sanción económica de 75.000 pesetas imposta pola Comisión Liquidadora de Responsabilidades Políticas. Finalmente serían depositadas no Museo para a súa custodia, intentando a institución evitar a súa subasta e solicitando que se incorporasen a Patrimonio do Estado polo seu interese artístico, algo que se acadou ata 1951, ao igual que aconteceu coa biblioteca do artista para protexela de Enrique Fernández Villamil, que pretendía a súa “depuración de contido perigoso”.


Agradecido pola que entendeu unha defensa do seu legado por parte do Museo, Castelao manifestou aos seus achegados antes de morrer o seu desexo de que a súa produción fose reunida na institución pontevedresa. Desta vontade será depositaria a súa dona, Virxinia Pereira, quen logo de resolver os trámites vencellados á sanción imposta ao marido pola Comisión Liquidadora, cedeu ao Museo os dereitos das obras e da biblioteca. A pesares diso, sería preciso chegar tamén a un acordo económico coas irmás do autor en 1968 para manter as obras, renovado en 1970 e no 2000.


En 1978, explicou Tilve, o Museo instalou na segunda planta do edificio García Flórez a primeira sala monográfica dedicada a Castelao, na que xa aparecen integradas algunhas obras procedentes da incautación. A partir dos anos 70 a incorporación de obras do artista foi constante, chegando ao culmen no 2016 co destacado ingreso dos 51 debuxos orixinais do álbum Nós, que permanecía en paradeiro descoñecido dende 1931, incluso tendo pensado que foran destruídos. 


Tilve Jar explicou polo miúdo todos estes avatares do Museo na defensa e custodia do legado de Castelao, e agradeceu ao Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Histórica e ao  Ministerio de Cultura, a organización do ‘Congreso Encontros Museísticos. A coleccións do exilio’ a súa invitación para participar no que cualificou como “necesario foro de Memoria”. 


Museos e Memoria

Xunto a Ángeles Tilve participaron na xornada de hoxe do Congreso sobre museos e memoria a directora do Museo de Belas Artes de A Coruña, quen falou sobre a Colección de Luis Seoane; o director da Fundación Josep Renau, sobre o depósito no IVAM de Valencia da obra retornada do autor; e o conservador do MuME, quen falou de ‘Arte e compromiso no Museu Memorial de l’Exili’.


O evento continuará mañá martes coa segunda sesión, sobre ‘A museoloxía ao rescate das figuras do exilio’, e o mércores abordando ‘Reflexións museolóxicas, do franquismo ao restablecemento da democracia’, onde se pretende poñer de manifesto que “o rescate da memoria e dos protagonistas da historia silenciada tivo lugar nos museos, convertidos en espazos para o diálogo e a reflexión”. 


Segundo explica a organización a disciplina  museolóxica desempeñou un relevante papel na conservación de patrimonio artístico do exilio, sendo numerosas as institucións que atesouran entre as súas coleccións obras procedentes da diáspora: “A vinculación entre exilios e museos é a parte menos visible da memoria histórica, do mesmo xeito que sucede coa repatriación dos legados artísticos procedentes do éxodo republicano. Trátase dun capítulo da historia que quedou eclipsado polo retorno do  Guernica (1981), con todo, a obra de Picasso non foi nin a primeira nin a última en volver, o fluxo das coleccións que regresaron a España iniciouse con anterioridade, e a día de hoxe continúa ingresando nos museos arte procedente do exilio”.


Destacan dende o Congreso que a relación entre  museoloxía e memoria foi  evolucionando ao compás do tempo e dos acontecementos históricos, sendo o momento máis determinante no ano 1970 cando se fundou o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, para combater a  desmemoria e rescatar a arte galega no exilio, mediante unha colección formada por fondos procedentes, boa parte deles, da diáspora republicana.


No 2020, lembrouse, foi o 50º aniversario da fundación desta institución, un momento clave para reflexionar que foi daquelas iniciativas que xurdiron non só no  tardofranquismo senón tamén durante a transición democrática. “Durante os anos oitenta e noventa foi notorio o auxe de museos que apareceron por toda a xeografía española para salvagardar as coleccións de artistas que regresaban, entón eran intelectuais moi descoñecidos pero recoñecidos a nivel internacional. O apoxeo daqueles museos que buscaban reparar a  desmemoria dos esquecidos contrasta co descoñecemento que existe a día de hoxe ao redor dos mesmos, a pesar de que conservan a maior representación da arte español expatriado con motivo da Guerra Civil”.




Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement