Neste eido, lembrou que “a igualdade é fundamental para a Deputación” e reivindicou que “ás mulleres costounos moito saír do ámbito privado e non imos permitir que todo o conseguido para ocupar espazos públicos se bote a perder agora”. “Teletraballo non é sinónimo de conciliación, é unha forma diferente de organizar a actividade profesional”, recalcou. Amais, a presidenta tamén subliñou que é necesario optimizar esta nova forma de traballo para que se dea con todas as garantías, “somos servidoras e servidores públicos, organizar un novo modelo de traballo ten que facerse a partir dunha reflexión seria e profunda tendo como final do resultado a xente á que servimos”.
O proceso levarase a cabo de maneira escalonada, xa que é necesario elaborar un novo modo de organización interna, e espérase que a finais de ano o proxecto estea definido para levalo ao diálogo coa representación das traballadoras e traballadores. En primeiro lugar, a Deputación vai realizar unha diagnose in situ en cada un dos servizos e departamentos e analizando posto por posto para ver cales se poden acoller a esta modalidade e como facelo. O segundo paso será determinar o modelo tecnolóxico, analizando os equipamentos necesarios para que o persoal poida traballar. E, por último, definirase un modelo de seguimento que garanta a eficiencia e eficacia en consonancia coa Lei Orgánica de Protección de Datos.
Unha vez definidas as liñas xerais de implantación, o proxecto será presentado aos axentes implicados así como os sindicatos que representan ás/ós funcionarias/os e persoal laboral da Deputación para a súa posta en marcha.