Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Museo de Pontevedra. Nuevas normas para recibir donaciones y hacer compras

O Museo de Pontevedra vai dispoñer en breve dun ‘Protocolo de incremento patrimonial’ que pretende “racionalizar” as compras de pezas e as doazóns e depósitos que recibe para ampliar os seus fondos. Este asunto tratouse hoxe na reunión do Consello Asesor do Museo, que puxo sobre a mesa a necesidade de “coidar a política de coleccións” e apostar por un incremento racional para crear un acervo significativo e de referencia.

Segundo explica o director do Museo, Xosé Manuel Rey, o Museo dispón do legado da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, e tamén se debe facer cargo das adquisicións ou depósitos ordenados pola Consellería de Cultura e Turismo nas intervencións arqueolóxicas no territorio provincial. Así mesmo, cada ano o Museo recibe propostas de doazóns de obras e documentación de moi diferente tipoloxía que se unen aos fondos existentes e pasan a ser de titularidade pública.

Esta continuidade de doazóns e depósitos que se veñen realizando ao longo da historia do Museo, afirma Rey, “é moi positiva e demostra que a institución é atractiva pola súa visibilidade cara a cidadanía, unha referencia non só no tocante á parte expositiva, senón tamén polo bo labor do persoal de conservación e restauración”. Sen embargo, e dado que a día de hoxe existe unha importante limitación de espazos, o director considera que é o momento de sistematizar o procedemento e os criterios a seguir tanto para adquirir obra nova por medio de compra, como para aceptar depósitos e doazóns, que en moitos casos nunca chegan a forman parte das exposicións abertas ao público.

Así, na reunión de hoxe do Consello Asesor do Museo (na que estiveron presentes o vicepresidente César Mosquera, o director Xosé Manuel Rey, e os vogais Menchu Lamas, Joaquín Martínez, Xaime Domínguez Toxo, Teresa Táboas, Ramón Rozas, Lola Dopico e Beatriz Comendador), púxose sobre a mesa o borrador dun novo ‘Protocolo de incremento patrimonial do Museo de Pontevedra’ que deberá adoptar agora a forma xurídica que marque a Secretaría da Deputación e ser aprobado oficialmente.

As novas ‘normas’ para incorporar patrimonio no Museo subliñan que o procedemento “debe ser o máis plural posible” e “incorporar unha visión múltiple”. Deste xeito establécese que para aceptar unha peza o equipo técnico do Museo (integrado pola Dirección e as e os conservadores) deberá realizar un informe-proposta para valorar os ofrecementos dos particulares, analizando o seu encaixe nas coleccións e propondo a súa aceptación ou non en virtude do seu interese. Ese informe levarase ao Consello Asesor do Museo de Pontevedra para que se pronuncie e incluso, en casos de especial complexidade, invitanranse persoas especialistas ou expertas para que expoñan a súa visión. Finalmente, no caso de que se considere a proposta, proseguirase coa tramitación do expediente administrativo tendo en conta as distintas modalidades de incremento patrimonial previstas (doazóns, depósitos, legados testamentarios, compravendas...). En todo caso, aprobarase o incremento patrimonial e, unha vez feito este trámite, firmarase a correspondente acta de entrega e levarase a cabo a súa incorporación no libro de Rexistro do Museo.

Criterios. Coa finalidade de valorar a idoneidade e o encaixe nas coleccións existentes cómpre
determinar un conxunto de criterios que sirvan de referencia para a súa valoración e
permitan adoptar unha decisión da maneira máis racional e equilibrada posible. A
título indicativo, teranse en conta os seguintes: que a peza atenda ao ámbito territorial do Museo (principalmente o territorio da provincia de Pontevedra e de Galicia); que presente autenticidade e unha trazabilidade que permita garantir a súa procedencia legal; que incorpore un notable valor patrimonial; que destaque pola súa singularidade, calidade ou excelencia; que constitúa unha referencia no seu campo; que enriqueza ou complemente as coleccións existentes; que manteña a unidade e coherencia da colección á que se incorpore; e que non supoña duplicidade ou reiteración dos fondos xa existentes.

Algunhas das últimas incorporacións ao Museo foron unha Virxe do Leite do século XV, doazón da familia Núñez Sobrino, que chegara cunha cabeza que non lle correspondía e, logo dunha restauración, fica exposta nunha das salas. Outro exemplo é a colección de fotografías e documentos sobre monumentos románicos de toda Europa entregada como herdanza por un cirurxián francés das Rutas Cicloturísticas do Románico.
 

Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement