Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

"O estado de alarma é medida excepcional e non resulta adecuado para un control sistemático da epidemia" (Feijóo)

 A XUNTA REMITE AO GOBERNO UNHA PROPOSTA “CONSTRUTIVA E LEAL” DE REFORMA DA LEI ORGÁNICA DE SAÚDE PARA LOITAR CONTRA A COVID-19 

Feijóo fai fincapé en que o estado de alarma é unha medida excepcional e que non resulta adecuado acudir a ela para un control sistemático e diario da epidemia

Subliña que esta proposta de reforma está baseada en dous grandes bloques: a inclusión dun catálogo de medidas e os requisitos que se deben dar para poder adoptar esas medidas

Insiste en que esta reforma é absolutamente imprescindible para garantir a seguridade xurídica, os dereitos dos cidadáns e o funcionamento correcto dos operadores xudiciais en España


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe na rolda de prensa do Consello que a Xunta vén de remitir ao Executivo central unha proposta de reforma da Lei Orgánica de Saúde para loitar contra a covid-19, e que contará cun catálogo de medidas e os requisitos que se deben dar para poder adoptalas.


Durante a súa intervención, incidiu en que as Administracións autonómicas precisan de mecanismos útiles e efectivos para exercer as súas competencias; e ese instrumento non é o estado de alarma,  facendo fincapé en que “o estado de alarma é unha medida excepcional e que non resulta adecuado acudir a ela para un control sistemático e diario da epidemia”.


Nesa liña, o presidente da Xunta insistiu en que “é absolutamente imprescindible modificar a Lei Orgánica de Saúde Pública para poder xestionar con eficacia por parte das comunidades autónomas a pandemia” e para garantir a seguridade xurídica, os dereitos dos cidadáns e o funcionamento correcto dos operadores xudiciais en España. 


Con este obxectivo, Feijóo subliñou que esta proposta de reforma, “construtiva e leal”, está baseada en dous grandes bloques: por unha banda, a inclusión dun catálogo de medidas; e, por outra, os requisitos que se deben dar para poder adoptar esas medidas.


No tocante ao catálogo de medidas limitativas dos dereitos e liberdades que poden adoptar as autoridades sanitarias para o control de enfermidades, o titular da Xunta destacou, en primeiro lugar, as referidas ao control das persoas enfermas, así como o sometemento destas ao tratamento adecuado.


En segundo lugar, referiuse ás medidas de control destinadas aos chamados contactos estreitos: o seu sometemento a observación ou vixilancia do seu estado de saúde, exame médico ou probas diagnósticas, así como as medidas de prevención da enfermidade, mesmo a vacinación. “Temos que regular que esta vacina é unha vacina obrigatoria e, polo tanto,  estar preparados para que, cando teñamos a vacina, a vacina obrigatoria non sexa unha cuestión que teñamos que xudicializar, senón que sexa unha cuestión que a lei orgánica prevé expresamente”, aseverou. 


En terceiro lugar, subliñou as medidas de control do entorno dos enfermos e das zonas afectadas: medidas que comporten a limitación ou restrición da circulación; medidas de control de saída ou entrada na zona; restricións nas agrupacións ou concentracións, incluídas as reunións privadas;  e a posibilidade de realizar probas diagnósticas de grupos de poboación determinados. 


O presidente da Xunta salientou que todas estas medidas deben forman parte do ordenamento xurídico no ámbito da lexislación sanitaria, deben ter un rango normativo básico e debemos telo “de forma inmediata para non vivir nun sobresalto continuo”.


En canto aos requisitos, Feijóo precisou que en todo momento as medidas se adoptarán coa urxencia que o caso requira, de xeito motivado, deberán publicarse no diario oficial correspondente e serán sempre temporais.


Así, as medidas respectarán en todo caso a dignidade da persoa; buscarase sempre con preferencia a colaboración voluntaria; non se poderán ordenar medidas obrigatorias que impliquen risco para a vida; e procurarase sempre que sexan as que menos prexudiquen o principio de libre circulación, liberdade de empresa e outros dereitos. Estas medidas, “en definitiva, teñen que ser adecuadas, necesarias e ponderadas”, concluíu.




Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement