BUEU . - A veciña bueuesa Montserrat Torres Otero fíxose co lote de libros do sorteo organizado polo Concello de Bueu con motivo do Día das Bibliotecas, que se celebrou o pasado 24 de outubro. Precisamente, Alberto Moital, concelleiro de Patrimonio, Arquivo e Bibliotecas, foi o encargado de entregarlle o paquete composto por cinco libros nun pequeno acto que tivo lugar este martes no salón de plenos da Casa do Concello.
Dadas as actuais circunstancias provocadas pola Covid-19, o Concello puxo en marcha durante toda a semana pasada unha campaña en liña, a través da cal as persoas debían cubrir un formulario na páxina web con preguntas arredor das bibliotecas, e na que se contabilizaron trinta e seis participantes.