Vigo. O festival sostible "The Wild" consolídase coma un evento familiar e acolle a máis de 1500 persoas
Máis de 1500 persoas acudiron en total ao festival sostible The Wild celebrado o 5 e 6 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia, consolidándose coma un evento familiar no que pasar unha xornada diferente, apreciando a natureza e respectando o medio ambiente.
A organización destaca a satisfacción que mostrou tanto o público coma o resto de profesionais, dende os artesáns ata os músicos ou os organizadores das distintas actividades, que quedaron moi contentos co éxito do certame.
A segunda edición do festival sostible The Wild rematou este domingo e dende a organización non poden estar máis satisfeitos co balance xa que puideron gozar do evento máis de 1500 persoas. Compre salientar que, debido a crise sanitaria provocada polo coronavirus, reduciuse o aforo en máis dun 90%, en concreto a 800 persoas ao día nos 13.000 metros cadrados do Parque Forestal San Miguel de Oia.
“Estamos moi contentos. Ao longo das dúas xornadas acudiron ao certame máis de 1500 persoas e recibimos moitas mensaxes cheas de agarimo e boas palabras confirmando o ben organizado que estaba todo e, por suposto, o ben que o pasaron nas diversas actividades, faladoiros, obradoiros, nos concertos e nas actuacións infantís, algo que nos da moitas forzas para continuar co evento o próximo ano” afirma Juan de Castro, xestor cultural do evento.
Entre todas as actividades do festival destaca a andaina solidaria, feita en colaboración coa Comunidade de Montes San Miguel de Oia e que destinaba unha parte da recadación a Fundación Fran Gil, de loita contra a leucemia. Nela puideron gozar do evento preto de 70 persoas, mentres que na Orientaventura, actividade para todas as familias e que por equipos debían chegar no menor tempo posible as diversas probas de control, achegáronse en torno a 50 persoas.
Destacan tamén os postos de artesáns, de comida e de bebida, que foron igualmente moi demandados e que non esconden a súa ledicia tanto pola boa organización coma polas vendas dos seus produtos ou servizos, un sopro de aire fresco nestes momentos de tanta incerteza.
SEGURIDADE, HIXIENE E RECICLAXE
Un dos principais obxectivos desta edición era reforzar ao máximo a seguridade e hixiene no recinto co fin de evitar contaxios por coronavirus. Deste xeito, ademais da toma de temperatura no acceso ao festival, tamén houbo persoal cualificado vixiando que se cumprise a normativa para conseguir un evento seguro, así coma xel hidroalcohólico en diversas zonas para os asistentes ou a separación por zonas das diferentes actividades.
Xa no eido da sustentabilidade, habilitáronse diversos contedores de reciclaxe e, ao final do certame, fíxose un novo cribado para asegurarse de que todo estivese correctamente separado. Coma novidade, destaca o contedor de biorresiduos para as sobras de comida que se compostarán e se obterá un abono destinado ao cultivo ou plantación de árbores, pechando así o círculo.
THE WILD FEST
Na súa primeira edición, que tivo lugar do 28 ao 30 de xuño en San Miguel de Oia, acudiron máis dun millar de persoas co fin de participar na andaina solidaria, coñecer de primeira man empresas galegas sostibles, gozar de boa música ou emocionarse co cine de natureza. Por suposto, os máis cativos tamén tiveron a ocasión de pasar un moi bo rato mentres aprendían o importante que é coidar o medio ambiente e máis de 200 persoas acudiron a The Wild Race, unha apaixonante carreira de obstáculos.
Os valores de The Wild, achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.