Comprácenos anunciar a participación de A illa das mentiras, ópera prima de Paula Cons, na 68 edición do Festival de San Sebastián (SSIFF). A película poderase ver en “Made in Spain”, unha sección non competitiva que integra unha selección das películas máis significativas no panorama do cine español do ano.
A illa das mentiras estreouse o pasado 24 de xullo en Filmin e foi o título máis visto na plataforma na sua primeira fin de semana de estrea.
A illa das mentiras está dirixida por Paula Cons e protagonizada por Nerea Barros Dario, Aitor Luna, Victoria Teijeiro, Ana Oca e Milo Taboada. A película está inspirada en feitos reais, concretamente no afundimento do buque “Santa Isabel” fronte ás costas da illa de Sálvora (Pontevedra) en 1921.
Sinopse:
Inspirada libremente en feitos reais. A madrugada do 2 de xaneiro de 1921, o buque Santa Isabel,
con destino Bos Aires e 260 persoas a bordo, afundiu fronte á dura
costa da illa de Sálvora, en Galicia. A falta de homes na illa tres
mulleres, María (Nerea Barros), Josefa (Victoria Teijeiro) e Cipriana
(Ana Oca), deciden ir ao rescate salvando a 48 persoas, un acto heroico
que pagarán ben caro.
Un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acode a Sálvora para
cubrir a noticia do naufraxio. Pouco a pouco irá descubrindo que esa
noite se produciron demasiadas casualidades na illa, chegando incluso a
sospeitar que o naufraxio puido ter sido provocado. Namentres, xa nada
será igual. O naufraxio sacudirá e cambiará para sempre a vida da illa.
A illa das mentiras é unha coprodución entre a produtora galega Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000. Conta coa participación de TVG, RTVE e ETB, e co apoio de AGADIC, Governo Vasco, ICAA, INCAA arxentino, ICA portugués, Programa Ibermedia, Concello de Riveira e Deputación da Coruña. Filmax ocúpase da súa distribución nacional e internacional.
A illa das mentiras pódese ver en Filmin dende o pasado 24 de xullo