"Sálvora", de Guadi Galego, a canción orixinal da película "A illa das mentiras"

Temos o pracer de presentarvos ‘SÁLVORA’, a canción orixinal da película A Illa das Mentiras, dirixida por Paula Cons. A canción está composta polos irmáns Pedro e Pablo Pascual e marabillosamente interpretada pola cantante Guadi Galego, quen tamén participa na composición.
O título fai referencia á illa da costa galega onde naufragou o buque “Santa Isabel” en 1921, feito histórico no que se inspira libremente a película.

Guadi Galego (Cedeira, A Coruña, 1974) é unha das artistas máis destacadas do panorama musical galego e acaba de recibir o Premio á promoción Pluriligüe do Estado. Comezou na música ben nova. En 1997 empeza a formar parte do grupo Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira.  Canda eles grava tres discos: “Viaxe por Urticaria” en 1999, “Hepta”, en 2001 (Mellor Grupo Folk Europeo e candidatura aos Grammy Latinos en 2002) e “10.0”, en 2006 (Premio Opinión a Mellor Disco Galego do ano; candidato aos Premios da Música polo tema “Xente”).
En 2009 Guadi Galego publica “Benzón”, álbum aclamado pola crítica galega e española co que inicia a súa carreira en solitario. En 2014 publica o seu segundo traballo en solitario, “Lúas de outubro e agosto” e en 2016 o seu terceiro traballo, “O mundo está parado”. Este mesmo ano recibe o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Canción de Autor.  En 2019 publica “Immersión”, unha relectura musical e lingüística das súas obras recentes.
Nalgunha outra ocasión a súa música empregouse en cine, e tambén puxo voz a unha das cancións da serie "Fariña", pero ‘Sálvora’ é a primeira canción composta ex profeso para unha película.

Notas de Guadi Galego:
 “A memoria e as mulleres son os piares do noso pobo.
 Cando vin o filme de Paula Cons recoñecínme , no mar que nos habita, no andar da miña avoa,  nos silencios que dicían tanto, na ausencia da caricias e á vez o amor incondicional, nas historias que me contaba cando ninguén a observaba.
O esquecemento, é a maior das inxustizas  da humanidade.
“Fálalle de min” non consintamos esquecer as mortes, as inxustizas e tamén pór en valor o que nos define.
Quedo coa  frase que di unha das protagonistas “era o que había que facer”.
Este filme é parte da miña idiosincrasia, por iso agradezo a Paula Cons darme a oportunidade de facer esta canción con Pedro e Pablo Pascual “ Guadi Galego

Pablo Pascual, compositor y arreglista
Naceu en A Cañiza, Pontevedra, en 1976. É un dos integrantes da recoñecida formación MARFUL. Formado cos mellores como clarinetista e clarinetista baixo,  estudiou gaita escocesa con Jean-Pierre Rogel, René Louédec e Patrick Molard. Grabou en abundantes produccións discográficas con Marful, Abe Rábade, Laio, David Herrington, Jesús Santandreu, Tony McManus, Jacky Molard, Germán Díaz, Joana Machado ou Fred Martins.  Tocou xunto grandes músicos en festivais en Canadá, EE.UU, Cuba, Francia, Bélxica ou Escocia. Xunto ao seu irmán Pedro, compuxeron e produciron numerosos discos e bandas sonoras. É profesor de clarinete e gaita na Escola Municipal de Música de Santiago.

Notas de Pablo Pascual:
“Ca música que fixemos, máis a letra increíble de Guadi, procuramos reflectir o carácter duro e nostálxico destas xentes, a súa estreita relación co mar.
A película está chea de emocións contidas, de séculos de silencio emocional que estoura de repente sen aviso e sen control. Esta contención marca moito o carácter da música. Cando chega o retrouso, con esa frase tan chea de significado como é "fálalle de min", a música ábrese a un mundo novo de sentimentos”.

Pedro Pascual, compositor e arranxista
 Outro dos integrantes de MARFUL. Multiinstrumentista, docente, compositor, arranxista e produtor. Traballou xunto a importantes músicos como Uxía, Kepa Junkera, Carmen París, Daniel Lapp, Donal Shaw, Tanya Tagaq, Fred Martíns, Fetén Fetén, Germán Díaz, Mercedes Peón, Vartina… ademais de participar en proxectos propios como Marful, Talabarte ou Laio. Dirixiu proxectos musicais como Opening Womex 2016, Descarga ao Vivo, Ao pé da letra.
Productor discográfico en traballos de Fred Martíns, Uia Pedreira, Guadi Galego, Najla Shami Tanxugueiras, Pés de Lan, Kepa Junkera, Davide Salvado,…

Notas de Pedro Pascual:
"Esta peza musical nace do mar e vuelve ao mar, como as tres protagonistas da película.
As texturas que quixemos empregar foron as que nos transportaban máis a un terreo orgánico e marítimo, con instrumentos como a arpa, ou a glass harmónica, voces e atmósferas dos cantís, capas sonoras a base de treboadas gravadas no medio do mar, pianos cálidos e extensos, voces íntimas e calmas, as campás de a bordo ou os latexos dos corazóns como percusión, e as propias percusións como océano que serve de sostén ao resto da música”. Pedro Pascual.

Información sobre a película
La isla de las mentiras é a ópera prima de Paula Cons e estrearase o vindeiro 24 de xullo a través da plataforma Filmin.
A película, coescrita por Paula Cons e Luis Marías, está protagonizada por Nerea Barros (La Isla Mínima- Premio Goya Mellor Actriz Revelación; miniserie Días de Navidad), Dario Grandinetti (serie Hierro; Relatos Salvajes) e Aitor Luna (Sordo; miniserie La catedral del mar). Completan o reparto as galegas Victoria Teijeiro (Esperando septiembre) e Ana Oca (Escarabana). Outras caras coñecidas son as de Milo Taboada, Celso Bugallo, María Costas, Machi Salgado e os vascos Javier Tolosa e Leyre Berrocal, entre outros.
A película está inspirada libremente en feitos reais, concretamente no afundimento do buque  “Santa Isabel” fronte ás costas da illa de Sálvora en 1921.
Este é o punto de partida dun thriller onde o máis interesante non é o naufraxio en sí mesmo, se non as consecuencias que ten nun microcosmos tan pechado e peculiar como o da illa de Sálvora. Tamén é unha homenaxe ás 3 mulleres que salvaron a vida de 48 persoas e que foron inxustamente esquecidas pola historia.
Sinopse :
Inspirada libremente en feitos reais. A madrugada do 2 de xaneiro de 1921, o buque Santa Isabel, con destino Bos Aires e 260 persoas a bordo, afundiu fronte á dura costa da illa de Sálvora, en Galicia. A falta de homes na illa tres mulleres, María (Nerea Barros), Josefa (Victoria Teijeiro) e Cipriana (Ana Oca), deciden ir ao rescate salvando a 48 persoas, un acto heroico que pagarán ben caro.
Un xornalista arxentino, León (Darío Grandinetti), acode a Sálvora para cubrir a noticia do naufraxio. Pouco a pouco irá descubrindo que esa noite se produciron demasiadas casualidades na illa, chegando incluso a sospeitar que o naufraxio puido ter sido provocado.
Namentres, xa nada será igual. O naufraxio sacudirá e cambiará para sempre a vida da illa.

A illa das mentiras é unha coprodución entre a produtora galega Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000. Conta coa participación de TVG, RTVE e ETB, e co apoio de AGADIC, Governo Vasco, ICAA, INCAA arxentino, ICA portugués e o Programa Ibermedia. Filmax ocúpase da súa distribución nacional e internacional.


Una escena del film

Artículo Anterior Artículo Siguiente