Ad Code

Ad Code

Obxectivo : manter e incrementar a aposta tecnolóxica para a modernización nos concellos de Pontevedra

Co obxectivo de manter e incrementar a aposta tecnolóxica para a modernización dos servizos nos concellos, a Deputación de Pontevedra acordou coas 53 entidades locais da provincia adheridas á plataforma da administración electrónica, renovar ata finais de ano o contrato do servizo, e iniciar para o próximo 2021 un novo concurso para dar cobertura a todas as melloras que foron implementándose, cun investimento de máis de medio millón de euros.

O plan provincial da Deputación naceu en 2016 para ofrecer soporte técnico informático aos municipios que carecían de administración electrónica e que tiñan que dar resposta legal a novas normativas que, unha vez máis, se aprobaron sen que os concellos tiveran recursos para elo. Entendendo que a modernización da administración local era fundamental para atender á cidadanía, a Deputación puxo en marcha este proxecto que dotou deste instrumento tecnolóxico aos concellos.

Catro anos despois, a plataforma, ate agora gratuíta, ten sido unha ferramenta fundamental para que o 100% das entidades locais da provincia conten coa capacidade de ofrecer a súa veciñanza unha administración máis próxima e moderna, que hoxe conta con 53 concellos e mancomunidades adheridas, e que presenta un balance sobresaínte con máis de 15 millóns e medio de documentos electrónicos creados e máis de 2,5 millóns que foron tramitados con firma electrónica. Amais, tan só nesta etapa da Covid 19, grazas a esta plataforma da Deputación, máis de 6.000 traballadoras e traballadores dos concellos puideron facer teletraballo; e os gobernos locais puideron celebrar Plenos e Xuntas de Goberno, sesións telemáticas, reunións ou mesas de contratación a distancia. Amais, para que os municipios asumiran con total garantía a atención cidadá nas novas circunstancias, a Deputación implantou a través da sede electrónica o sistema de cita previa nos concellos para contactar coas oficinas municipais de xeito presencial ou por videoconferencia.

Hoxe, no encontro telemático celebrado entre a Deputación e ata 47 concellos e entidades locais, acordouse que a institución ampliará ata finais de ano o contrato do servizo e, ante a finalización do contrato coa empresa Gestiona, iniciará para o próximo 2021 a tramitación dun novo concurso. O obxectivo, tal e como trasladou o deputado Carlos Font, é a intención do goberno de seguir apostando polo mundo local e manter o plan provincial en vez de que cada concello costee en solitario a contratación da administración electrónica. Así a Deputación asumirá o 75% do novo contrato que acollerá as melloras que foron implementándose, e que suporá un investimento de máis de medio millón de euros (560.500€). Pola súa banda, os concellos costearán o 25% que se repartirá con criterios obxectivos por tramos de poboación. Así, os de menos de 3.000 habitantes terán unha aportación anual de 1.000 euros; os de 3.000 a 5.000 habitantes 1.500 euros; os de 5.000 a 10.000 2.500 euros; os de 10.000 a 15.000 3.500 euros; os de 15.000 a 20.000 4.500 euros e os de 20.000 a 30.000 5.500 euros.

Entre as novas prestacións do novo contrato figuran a integración coa Plataforma de Contratación do Estado (PLACE); a xestión documental do arquivo electrónico único; e a a integración cos servizos da Plataforma de Intermediación de Datos. Amais, a nivel tecnolóxico, a administración electrónica dá actualmente soporte a unha maior carga de usuarios/as (tanto persoal técnico como a cidadanía que accede á sede electrónica); a mellora do rendemento e da seguridade, e funcionalidades coma a sinatura na nube a través de servidores HSM. En canto a nivel de almacenamento, tendo en conta os documentos electrónicos creados e firmados nestes anos que gárdanse na nube, crearase un servizo adicional de almacenamento e de reselado xa que cada certo tempo debe renovarse o selo de tempo asociado á firma electrónica.

Así, coa decisión de manter o plan provincial e co apoio económico do 75% do coste do novo contrato, a Deputación volve a mostrar o seu modelo de garantir os servizos en todo o territorio, con proxectos globais repartidos con criterios obxectivos e a utilización do diñeiro público para asegurar os mesmos dereitos ao conxunto da cidadanía, viva onde viva e goberne quen goberne.