Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Reclaman á UE un ambicioso orzamento a longo prazo para garantir o xornalismo independente

No cadro do lanzamento de fondos para a recuperación económica tras a pandemia da Covid-19, quince organizacións internacionais do xornalismo solicitan á Unión Europea que dedique fondos a longo prazo para o sector da comunicación.

Aproveitando do lanzamento do Plano de Recuperación para Europa por parte da Comisión Europea, quince organizacións internacionais do mundo da comunicación lanzaron unha petición conxunta aos estados membros da Unión Europea (UE) para adoptaren un ambicioso cadro financeiro plurianual para o periodo 2021-2027 que dea forza ao sector dos medios de comunicación e apoie o xornalismo independente.

As organizacións salientan que "a situación que enfrontan o xornalismo e os medios de comunicación xa era grave mesmo antes da interrupción causada pola pandemia da COVID-19", cun orzamento para fomentar o sector que xa fora cualificado de "simplemente inaceptábel". Neste sentido, a petición recalca que "sen aumentos significativos no apoio financeiro, a Unión Europea corre o perigo de non cumprir cos seus compromisos políticos nas áreas de liberdade de prensa, estado de dereito e dereitos fundamentais".

Por todo iso, reclaman que se use Next Generation EU para garantir a supervivencia do xornalismo e os medios de comunicación, que se condicione a asignación e o pagamento de fondos da UE ao respecto do estado de dereito, que se duplique o orzamento de Creative Europe para manter a independencia do sector dos medios, que se fortalezan os programas de Xustiza, Dereitos e Valores de cara a protexer os xornalistas e que se recoñeza a importancia do xornalismo para os obxectivos de desenvolvemento dedicándolle polo menos o 0.5% do Instrumento de Veciñanza, Desenvolvemento e Cooperación Internacional.

A petición vén asinada polas seguintes organizacións: Article 19, Asociación de Xornalistas Europeos, Asociación Mundial de Xornais e Editores de Noticias, Centro Europeo para a Liberdade de Prensa e Medios, DW Akademie, Federación Europea de Xornalistas, Fondation Hirondelle, Foro Global para o Desenvolvemento dos Medios, Free Press Unlimited, Instituto da Diversidade de Medios, Instituto Internacional da Prensa, Internacional Media Support, Internews, Osíxeno para a información e Reporteiros sen fronteiras.

Ad Code

Responsive Advertisement