A candidata do BNG pola provincia de Pontevedra, Montse Prado mantivo hoxe un encontro con representantes da hostalaría da Guarda, Fisterra, Ribeira, O Grove, Ningrán, Moaña e Poio, “un dos sectores máis prexudicados pola crise da COVID-19” con establecementos en terreos aos que Portos de Galicia pretende aplicar “unhas taxas abusivas”.
No encontro telemático, Prado puxo de releve que a crise da Covid-19 obrigou a modificar as condicións de traballo destes negocios coa redución de número de mesas e aforos interiores dos locais. Para a candidata, esta circunstancia fai imprescindíbel o uso das terrazas para manter os negocios e os postos de traballo directos e indirectos vencellados ao sector e resulta “ incomprensíbel” que a Xunta de Galicia en vez de axudar ao sector anulando as taxas mentres duren os efectos da pandemia e non se normalice a situación, decide seguir “cobrándoas e incrementando a recadación” por utilizar un maior espazo para manter as distanzas de seguridade.
A nacionalista asegura que as taxas que cobra Portos de Galicia son “abusivas” e mesmo supera en dez veces as aplicadas polos concellos. Os negocios ubicados nestes espazos, engade Prado, teñen unha ampla dependencia do período estival e como confirmaron os representantes da hostalería de Fisterra, 30 metros cadrados custan 500 euros e nas terrazas cubertas o prezo ascende a 12.500 euros por seis meses. Desde o BNG, recalcou a candidata, “compartimos o malestar do sector e facémonos eco das súas xustas demandas” polo que instou a Portos de Galicia a deixar “sen efecto” o cobro desas taxas de ocupación mentres non se normalice a situación.
Prado lamenta que Portos de Galicia, lonxe de comportarse como unha administración que traballa para solucionar os problemas dos colectivos cos que ten relación, se mova por ” puro afán desmedido por facer caixa”, e “unha falta total de diálogo co colectivo”.