Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Feijóo reitera la necesidad de salvaguardar el futuro del sector pesquero en Europa después del brexit

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe a segunda Declaración das comunidades europeas de pesca sobre o futuro do sector pesqueiro en Europa despois do brexit co obxectivo de renovar e reforzar o apoio de Galicia á frota pesqueira galega e europea na defensa dos seus intereses ante a incerteza actual na negociación do proceso de saída do Reino Unido da Unión Europea. O titular do Executivo galego volve ser así -ao igual que ocorreu en outubro de 2017 coa coñecida como primeira declaración de Santiago- o primeiro mandatario dunha rexión pesqueira europea en poñer a súa firma nun documento ao que se irán incorporando outros responsables de rexións e cidades europeas con intereses no eido pesqueiro. 

O acto de sinatura desta segunda declaración, ao que asistiron de xeito presencial a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o presidente da Asociación Nacional de Armadores de Buques de Pesca de Bacallao (Agarba) e representante da Alianza Pesqueira Europea (EUFA), Iván López, así como outros membros da organización e de asociacións pesqueiras galegas mediante videoconferencia, supón dar un novo pulo á reivindicación da importancia do sector pesqueiro na negociación do brexit, como xa se fixo en 2017, para que sexa prioritario nas negociacións entre as autoridades europeas e británicas. Deste xeito, Galicia responde á demanda do seu sector pesqueiro de renovación da alianza e unidade de acción ante unhas negociacións que van xa pola cuarta rolda sen que ata o momento se producisen avances. 

O presidente do Goberno galego lembrou que a declaración asinada hai pouco menos de tres anos contou con 400 apoios de comunidades, rexións e cidades europeas e animou a reforzar ese compromiso para lograr que a pesca siga sendo un elemento clave na negociación do brexit dada a importancia que ten para as comunidades costeiras. Por iso, trasladou o apoio de Galicia ao sector marítimo-pesqueiro europeo, a todas as comunidades pesqueiras europeas, ao comisionado europeo para a negociación do brexit, Michel Barnier, e a todos os Estados membros con intereses neste eido.

“Hoxe renovamos ese apoio que tamén recibimos porque é de ida e volta. Galicia tamén necesita todos os apoios porque se xoga moito. Queremos seguir pescando en caladoiros nos que estamos desde hai décadas e queremos seguir comerciando con mercados onde sempre atopamos socios seguros e fiables”, salientou o titular da Xunta durante a sinatura. Ademais lembrou que Galicia aporta o 10% do emprego marítimo-pesqueiro da Unión Europea, o 11% das descargas de pesca fresca e é líder europea na produción de conservas.

Por iso, esta segunda declaración de Santiago apela ao comisionado europeo para a negociación do brexit, Michel Barnier, ao presidente do Consello Europeo, Charles Michel, e aos xefes de Estado e Goberno dos Vintesete co obxectivo de que realicen as xestións necesarias para garantir o futuro social e económico das comunidades pesqueiras e da súa industria mediante un acordo co Reino Unido a longo prazo que faga xustiza ás comunidades pesqueiras e ás súas xentes.

Impacto do brexit
Neste sentido, Galicia defende que a negociación do futuro acordo pesqueiro entre a UE e o Reino Unido sexa considerado un asunto prioritario dada a importancia que o complexo mar-industria ten para o conxunto da comunidade e de Europa. Só en Galicia o brexit afecta a arredor dun cento de buques ou propiedade de armadores galegos que faenan en augas do Reino Unido e que dan emprego a máis de 1.700 tripulantes.

Ante este escenario, a Administración autonómica e o sector pesqueiro galego apostan por un acordo pesqueiro que manteña o statu quo, a igualdade de condicións entre as partes -ou level playing field- e que estea condicionado ao acceso mutuo aos recursos, ás zonas pesqueiras e ao mercado. Trátase da mesma solución que defende o último informe encargado polo Executivo galego ao Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga sobre As relacións pesqueiras entre a Unión Europea e o Reino Unido tralo brexit, que advirte de que a ausencia de acordo dificultaría o desembarque dos produtos pesqueiros nos portos de ambas partes por trabas administrativas, arancelarias e sanitarias.

A chave do pacto, salienta o cuarto informe elaborado para a Xunta pola entidade dirixida polo profesor José Manuel Sobrino, é que reflicta o equilibrio de forzas entre as partes mediante o acceso mutuo aos recursos e ao mercado posto que o libre acceso ás augas e portos é indisociable do libre comercio e da entrada dos produtos do mar de Reino Unido ao mercado da Unión Europea.

Neste sentido, o presidente da Xunta incidiu en que Galicia é a rexión que máis informes e estudos realizou sobre o brexit e o seu impacto no sector pesqueiro, ao tempo que promoveu actos coa Alianza Pesqueira Europea, encontros e foros con rexións marítimas do Atlántico, declaracións como esta asinadas en Santiago ou o memorando de entendemento co País de Gales.

A conselleira do Mar, pola súa banda, agradeceu ao sector, á EUFA e ao presidente da Xunta o seu traballo na defensa da pesca galega e co obxectivo de que o brexit sexa unha oportunidade e non un risco mediante unha acción conxunta de todas as organizacións do sector e das comunidades pesqueiras europeas.

Xuntanzas co sector
A sinatura da segunda declaración de Santiago na defensa do sector pesqueiro ante o brexit é o resultado de varias reunións mantidas nas últimas semanas pola Consellería do Mar con distintas organizacións galegas e coa Alianza Pesqueira Europea para analizar a incerteza actual do proceso de saída do Reino Unido da Unión Europea. A estes encontros sumouse ademais o envío de sendas cartas ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, para demandar que a negociación da área de pesca no brexit sexa levada ao máis alto nivel.
Á sinatura do documento en favor das comunidades pesqueiras asistiron de xeito presencial ou por vía telemática representantes da EUFA e de entidades pesqueiras como as federacións galega e nacional de confrarías de pescadores, a Asociación Nacional de Armadores de Buques de Pesca de Bacallao (Agarba), Puerto de Celeiro, a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, Armadores de Burela SA (ABSA), Pescagalicia, Arpega-O Barco e a Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI). 




Ad Code

Responsive Advertisement