Homenaje municipal al legendario "Comedor Social de San Francisco"

“O comedor de San Francisco historicamente e ao longo dos últimos anos está a facer un labor social importantísima, de xeito altruísta, coa colaboración de moita xente voluntaria”. Deste xeito subliñou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a esencial tarefa solidaria que o comedor social desempeña na cidade, no contexto dunha visita institucional de homenaxe e agradecemento na que estivo acompañado polo responsable das instalacións, o Pai Gonzalo; a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, e o chef Pepe Solla (que acudiu para servir os seus menús).

O alcalde lembrou que “estamos nun momento especial”, no que non se pode servir no comedor, pero no que grazas á colaboración de Protección Civil “estanse a repartir tuppers para as familias e comidas a título individual cunha bolsiña de froita, leite, iogures… Incluso se pode levar comida para facer na casa ou recoller bocadillos para a noite”. O rexedor municipal salientou “a sorte que temos de contar cun cociñeiro Estrella Michelin que fai a comida tres días á semana”. “Iso é un luxo. Debe ser dos poucos comedores sociais que ten esa fortuna. En Pontevedra somos unha referencia ata niso. Polo tanto, hai que agradecerlle a Pepe Solla e ao seu equipo que fagan ese esforzo e que, agora que están pechados, lle adiquen unhas horas a realizar este labor social tan importante”, asegurou Fernández Lores.

O comedor está a atender nestes intres a unhas 200 persoas, un incremento substancial en comparación coas 130 que comían habitualmente, pero que, en opinión do alcalde, “non é aínda unha cifra esaxerada, tendo en conta que tamén se inclúen aí as familias na casa”. Non obstante, Lores garante que “o Concello está pendente en todo momento para respostar ás necesidades urxentes” e que, no caso de que aumenten os usuarios, “as administracións faremos un esforzo para atender a esas demandas máis imperiosas da xente máis necesitada, que é agora o realmente importante”. 

Unha fórmula diferente, con tuppers e normas de prevención
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social recoñeceu o papel esencial do comedor e fixo fincapé na “rapidez” coa que tanto o seu departamento como as entidades sociais “se adaptaron a esta nova situación”. “Houbo que cambiar toda a fórmula e eles tiveron que adaptarse ao novo sistema de tuppers, cumprindo con tódalas prevencións e distancias de seguridade que se impoñen agora mesmo”, sinalou Paloma Castro.
A edil socialista tamén aplaudiu a resposta “de moitas empresas de alimentación de Pontevedra”, que “doaron e están a doar moitísimos alimentos para que nunca falten neste comedor”. Tal e como prometeu, o Concello “seguirá a traballar con eles en primeira liña para axudalos co que precisen”, agardando a que “esta situación mellore e haxa cada vez menos usuarios”.
O Pai Gonzalo quixo amosar o seu agradecemento “con todos aqueles que axudan ao comedor, e especialmente ao Concello, que sempre nos bota unha man con materiais cousas que resultan moi útiles como cazolas grandes, pratos e vasos que rachan continuamente…”.


Share: