O BNG da Guarda a través do seu portavoz municipal, Anxo Baz, vén de facer pública unha iniciativa de novas medidas económicas e sociais para a saída da crise provocada pola COVID19.
O BNG xa presentou no pleno do día 5 deste mes unha serie de medidas urxentes para combater a crise social e económica provocada pola COVID19, aberta a amplialas coas achegas do resto da corporación, procurando o máximo consenso. Neste pleno acordouse a convocatoria dunha mesa técnica para abordar estas medidas.
O portavoz do BNG afirma “que medidas como a bonificación nos recibos do lixo e a auga para comercios e hostalaría afectada polo cese de actividade así como para as familias que teñan unha renda per cápita inferior ao IPREM (537,48 €/mensuais), a redución do importe das licenzas de apertura para o fomento e creación de novas empresas ou o incremento da partida de Emerxencia Social por citar só algunha das medidas, deben ser tratadas urxentemente. Por eso instamos ao alcalde, que convoque a mesa técnica acordada para avanzar nestas e noutras medidas o antes posibel”.
Anxo Baz presenta “estas medidas urxentes que deben ir acompañadas de outras de maior calado nas que interveña a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado. A crise que se aveciña vai esixir levar adiante proxectos de futuro para promocionar e dinamizar a economía do noso concello. Nesa liña consideramos que transformar a praza de abastos nun mercado de excelencia é prioritario para garantir o seu futuro e para crear dinámicas locais que favorezan o comercio de proximidade e xeren emprego”. O voceiro nacionalista tamén incidiu en que “ O Concello da Guarda debe integrarse na rede de Concellos polo Espazo Público que promove a Deputación de Pontevedra o que propiciaría facer unha vila máis sostibel e humana. A distancia física recomendada polas autoridades sanitarias, fai máis necesario que nunca contar con espazos en rúas e prazas que permitan realizar actividades de esparcemento e desprazamentos a pé con seguridade. Nesta nova situación a prioridade peonil debe ser un obxectivo básico en todas as rúas nas que sexa posíbel”.