Memoria e esperanzas
xornalísticas vinte anos despois
A mañá daquel segundo domingo de abril do 2000 apareceu anubrada, algo chuviosa e orlada de emocións. memoria e esperanzas xornalísticas. O auditorio da Universidade de Santiago de Compostela abriuse para acoller os votos presenciais que escollerían, entre dúas candidaturas, a primeira Xunta de goberno do recén creado Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). Foi alta a participación (65 % de algo mais de mil profesionais inscritos) e alto o respaldo (+70 %) da lista que tiven a honra de encabezar e propoñer.
Tratábase de intentar superar as dificultades, precariedades, carencias e incertezas sentidas na profesión, á marxe dalgunha euforia macroecnómica e da presenza cada vez mais determinante do capital financeiro no hipersector da comunicación. Tratábase asimesmo de subliñar o feito de a liberdade de expresión e o dereito á información seren dous chanzos indispensables dunha sociedade libre e democrática.
Labor inacabable, esforzo permanente enfrontado por aquela primeira directiva, polas catro que lle seguiron e polas que han continuar o camiño aberto, coa axuda da profesión toda, dúas décadas despois. Algo importante ten feito esta corporación de dereito público e novos desafíos agardan, intra e extramuros, en tempos de nada disimulados ramalazos de autoritarismo post-democrático e da interesadamente enmarañada selva ciber-espacial. Unha gran carreira de fondo, a do xornalismo, xa que logo, a do CPXG.
Así as cousas, nesta mañá de abril de 2020 namais teño verbas de agradecemento pola confianza e a axuda de compañeiras e compañeiros. Polo traballo feito e polo que han seguir facendo ao servizo do xornalismo imprescindible. Memoria, esperanza e liberdade sempre.
Xosé María García Palmeiro
1º Decano do CPXG (2000-2004)
![]() |
Xosé María García Palmeiro. Periodista. |