Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Feijóo pide expresamente a Sánchez un proceso de desescalada como es debido

O titular do Goberno galego mantivo hoxe unha nova videoconferencia co presidente do Goberno central e os outros presidentes autonómicos
FEIJÓO PIDE AO GOBERNO CENTRAL UN PROCESO DE DESESCALADA SEGURO, GRADUAL E COÑECIDO NO TEMPO QUE PROTEXA ÁS FAMILIAS E AOS TRABALLADORES E DEA UN HORIZONTE AOS SECTORES ECONÓMICOS 
Subliña a decisión da Xunta de anticiparse e apostar por unhas instrucións claras a toda a poboación no momento da reapertura, como o uso xeneralizado de mascarillas, para as que pide unha baixada do IVE.

Lembra que Galicia xa está a traballar nun estudo epidemiolóxico cunha mostra de máis de 100.000 persoas e cuxos resultados remitiranse de forma inmediata ao Ministerio de Sanidade.

No ámbito económico, afirma que “o maior esforzo debe facerse para garantir a liquidez das empresas a curto prazo” e avoga por que o aprazamento de impostos teña un maior alcance do definido actualmente.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe ao Goberno de España un proceso de desescalada seguro, gradual e coñecido no tempo que protexa ás familias e aos traballadores e que dea un horizonte aos sectores económicos. “Temos que falar de desescalada con rigor, con cautela, pero temos que buscar xa un horizonte para as empresas e os sectores económicos, sabendo que sen seguridade sanitaria non haberá ningún tipo de actividade económica”, aseverou, incidindo na necesidade de contar cun calendario previsible, para que os cidadáns saiban con tempo e con claridade como se fará, cando e con que orde. 

Consciente da complexidade, Feijóo apelou a tres principios: dotarnos dos instrumentos necesarios para garantir que a volta á “nova normalidade” sexa segura, desde o punto de vista sanitario; acordar un sistema de volta ao traballo con certa inmediatez para, con previsión e planificación, preparar aos cidadáns e ás empresas; e deseñar un sistema de apertura e peche flexible e dinámico fronte posibles rebrotes. 

Durante a videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo trasladou que Galicia está traballando para que todo aquel que se reincorpore á súa actividade o faga do xeito máis seguro posible. “Esta foi a prioridade absoluta desde o inicio”, aseverou, recordando o esforzo para dotar de mascarillas ao persoal sanitario e de residencias de maiores e de discapacitados, aos concellos e aos traballadores que volveron ao traballo a semana pasada.

“E igualmente, vai ser a nosa prioridade cando o desconfinamento se vaia ampliando”, dixo, subliñando a decisión do Goberno galego de anticiparse e apostar por unhas instrucións claras a toda a poboación no momento da reapertura, que pasan, como criterio básico, polo distanciamento social, pola hixiene de mans e por unha proposta de uso xeneralizado de mascarillas. Sobre este último punto, solicitou a baixada do IVE nas mascarillas: “O lóxico é que o IVE do 21% baixe ao IVE reducido, porque vai ser un produto que imos empregar nos próximos meses con moita intensidade”.

Test masivos e estudo epidemiolóxico que será compartido co Goberno central 
Por outra banda, Feijóo comunicou a situación actual de Galicia, onde o plan de continxencia se rebaixou da fase 3 á fase 2 despois de que o número de contaxios que se produciron na Comunidade durante o pico da pandemia baixase un 75%. Sobre este punto, fixo fincapé na necesidade de seguir facendo test masivos, resaltando que, ata o día de onte, Galicia leva realizadas xa 63.715 probas en todas as áreas de saúde.

Así mesmo, e co obxectivo de preparar o futuro co maior coñecemento, lembrou que Galicia xa está a traballar nun estudo epidemiolóxico cunha mostra de máis de 100.000 persoas e cuxos resultados remitiranse de forma inmediata ao Ministerio de Sanidade. E insistiu na necesidade de coñecer a metodoloxía do estudo que ten previsto facer o Goberno central en toda España, para poder “casalo co das comunidades”. “Isto é clave para poder ter unha visión da situación sanitaria e da posibilidade de desescalada para volver á nova normalidade da actividade económica e social”, abundou.

Feijóo tamén volveu chamar a atención sobre as residencias. “Debemos coñecer os datos a nivel nacional, xa que mentres non se publiquen por parte do Ministerio de Sanidade os de todas as comunidades, non poderemos acertar nos protocolos de tratamento, nin dimensionar o problema en cada unha das comunidades”, recalcou.

Medidas para garantir liquidez a traballadores e empresas
No eido económico, Feijóo reiterou a necesidade de medidas para dar liquidez a familias, traballadores e empresas. “O maior esforzo debe facerse para garantir a liquidez das empresas a curto prazo”, afirmou, ao tempo que avogou por que o aprazamento de impostos teña un maior alcance do definido actualmente.
O presidente da Xunta informou de que segue a haber problemas no cobro dos traballadores acollidos a un ERTE. E propuxo tamén establecer un período transitorio, xa que moitas empresas que solicitaron un ERTE por forza maior –sobre todo no sector industrial– non poderán ofrecer traballo ao 100% do seu persoal cando se lles permita reabrir. “Debemos pensar como pasamos dun ERTE por forza maior a un por razóns económicas”, aseverou, co fin de que estes traballadores poidan manter unha renda mentres non poidan ser incorporados ao 100%.

Do mesmo xeito, fixo fincapé na importancia de axilizar ao máximo os procedementos de devolución dos diferentes impostos, así como o pago a provedores; diferir os prazos de presentación das declaracións con resultado a ingresar; ou evitar autoliquidacións positivas que deriven en devolucións futuras. 



Ad Code

Responsive Advertisement