Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Deputación adelanta casi medio millón de euros a entidades sociales para reforzar su liquidez

Un total de 66 entidades sociais da provincia, que prestan un servizo imprescindible de apoio ás persoas e colectivos máis vulnerables, están a recibir estes días o pago das subvencións aprobadas pola Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento de proxectos singulares e proxectos de intervención social. A medida supón unha inxección directa de liquidez de 470.000 euros nun momento no que os recursos para a atención das persoas en risco de exclusión social son máis necesarios que nunca.

O Comité do Covid19 da Deputación deu conta do estado de tramitación dos pagos, de xeito que 62 das asociacións e ONG beneficiarias destas axudas xa dispoñen das transferencias nas súas contas bancarias e as últimas catro están a cumprimentar os derradeiros pasos administrativos. A presidenta provincial, Carmela Silva, subliñou que a Deputación está a realizar estes libramentos, correspondentes á convocatoria de axudas do ano 2019, con moita antelación sobre o calendario previsto e todo elo a pesar de que os prazos administrativos están suspendidos trala declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo.

A Deputación é consciente de que as asociacións do terceiro sector realizan “un traballo moi valioso e as administracións públicas teñen que estar á altura proporcionándolles unhas axudas económicas que serven para que desenvolvan un traballo que mellora á nosa sociedade e, ademais, na medida das súas posibilidades e na atención aos seus colectivos específicos, poidan facer fronte aos efectos da pandemia causada pola Covid19”. Por outra banda, destacou que os servizos provinciais están a manter contactos coas asociacións para que presenten as memorias xustificativas de cara a aprobación dos proxectos que van ser subvencionados durante este ano 2020. Neste senso indicou que “nesta situación de crise sanitaria toca anticiparse e ser máis áxiles que nunca para apoiar a un tecido solidario, formado por persoas altruístas que dedican o seu tempo a axudar aos demais”

Os proxectos subvencionados ocúpanse de bancos de alimentos, da atención á infancia, servizo de intérpretes para persoas xordas, intermediación laboral de persoas con diversidade funcional, atención biopsicosocial de doentes oncolóxicos, emprego inclusivo, becas de alfabetización, formación ocupacional e agricultura ecolóxica para ex-toxicómanos, rehabilitación funcional de pacientes de alzheimer, prácticas non laborais para enfermos mentais, atención integral a persoas, intervención educativa con menores, estimulación da linguaxe oral en persoas con síndrome de Down, inserción sociolaboral, autonomía para a vida, mellora na atención das necesidades sanitarias de nenas e nenos con parálise cerebral, intervención terapéutica e sensibilización en dereitos humanos e xustiza social global.

Do conxunto das entidades con implantación no territorio e con proxectos financiados por la Deputación se atopan, entre outras, Asociación Española contra o Cancro, Fundación Érguete-Integración, Radio ECCA, Asociación de loita contra a droga Alborada, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afasal), Saúde Mental Feafes, Asociación Érguete, (Cogami-Pontevedra), Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Doenzas (Afapo), Fundación Monte do Gozo (Proxecto Home Galicia), Asociación de Familiares con Alzheimer do Morrazo (Afamo), Asociación de Apoio á Infancia e a Mocidade (Arela), Asociación de Síndrome de Down (Down Pontevedra-Xuntos), Asociación Érguete Baixo Miño, Down Vigo, Asociación Amencer-Aspace, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias (Afaga), Asociación para Discapacitados “Esperanza Salnés”, Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (Apamp), Asociación de Xordos de Galicia (Xoga), Confederación Cogami e Fundación Unicef.


Ad Code

Responsive Advertisement