Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

Velutina. Atienden más de un millar de avisos para retirar nidos


Dous terzos das comunicacións recibíronse nas provincias da Coruña e Pontevedra con 393 e 318 casos respectivamente ---- O programa de vixilancia e control da vespa velutina posto en marcha entre a Xunta e a Fegamp está dotado con 2,3 millóns de euros e conta con 277 concellos adheridos ---- O operativo de Seaga encárgase da retirada e a neutralización dos niños situados a menos de 25 metros de altura e en lugares accesibles nos que se poida actuar con seguridade nun prazo máximo de cinco días hábiles

A empresa pública de Servizos Galegos (Seaga) encargada de asumir a retirada da destrución dos niños da vespa velutina en todo o territorio galego, atendeu máis dun milleiro de incidencias no primeiro mes en funcionamento do operativo desde que a Xunta asinase a encomenda con esta entidade. O acordo con Seaga enmárcase no plan de loita contra esta especie acordado o pasado outubro entre a Xunta e Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). 
Desde a posta en funcionamento do operativo o 20 de xaneiro ata o pasado mércores, 26 de febreiro, o número total de avisos atendidos foi de 1.146. A cifra supera ás 1.117 comunicacións recibidas nos 38 primeiros días desde o inicio da  encomenda  -cunhas 29 por xornada- porque tamén se xestionan as 343 anteriores a esa data. 
Dous terzos das comunicacións tramitadas contabilizáronse entre as provincias da Coruña e Pontevedra, con 393 e 318 casos respectivamente. Na provincia de Ourense atendéronse 254 avisos e na de Lugo os 181 restantes. 

O equipo de Seaga conta con 80 profesionais, dos que 76 forman parte do equipo de intervención distribuídos nos cinco centros de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Os outros catro empregados son persoal técnico e administrativo que integra o equipo de coordinación. 
Os efectivos encárganse da eliminación e retirada de niños ao abeiro do plan de vixilancia e control da Xunta e en colaboración cos 277 concellos adheridos a esta iniciativa, o que supón nove de cada dez municipios da comunidade. 
Unha vez que se reciba o aviso no teléfono habilitado no 012,  o persoal de Seaga retira nun prazo medio de cinco días hábiles os niños situados a menos de 25 metros de altura e en lugares accesibles nos que se poida actuar con seguridade cos sistemas empregados de eliminación e neutralización. 
O tempo de resposta pode superar as cinco xornadas cando os niños sexan inaccesibles, non haxa consentimento do propietario ou non sexa posible contactar con el, se están situados en vías de transporte ou liñas eléctricas e cando se precisen medios complementarios. 
Ademais, desde a semana pasada infórmase por SMS do estado dos avisos ás persoas que comunicaron da súa presenza. Desta forma, contáctase co comunicante para planificar a visita do persoal de campo que, á súa vez, despois de acudir ao lugar do aviso, informa ao persoal do equipo de coordinación o estado da actuación. 

A Xunta e a Fegamp acordaron o pasado outubro poñer en marcha de maneira coordinada e conxunta este Plan, que conta cunha dotación de 2,3 millóns de euros, a través de fondos propios da Administración autonómica e do Fondo de Cooperación Local. O Goberno galego xa vén traballando desde o 2014 nun programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da vespa asiática na comunidade e, ante o aumento da súa presenza, decidiu redobrar os esforzos e actuar en colaboración cos concellos coa posta en marcha deste Plan para frear o seu avance.

O Plan de loita contra a vespa velutina basease na concentración de recursos para eliminar os seus niños na nosa comunidade e ofrecer unha resposta profesional e eficaz de forma homoxénea en tódalas zonas afectadas. Desta forma, a Xunta, en colaboración cos 277 concellos adheridos, realiza os traballos de retirada de niños da vespa velutina a través do encargo desta tarefa a Seaga. 



Ad Code

Responsive Advertisement