Mañá estará tamén vixente a alerta laranxa por vento en toda a comunidade.
Por mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva, así como pesca deportiva e outras deportivas no mar.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel vermello que afectará a todo o litoral galego a partir de mañá. Tamén estará activa a alerta vermella por ventos no noroeste da Coruña e na Mariña Lucense, a partir de primeiras horas da tarde, Ademais, desde as 6,00 horas, quedará tamén activado o nivel de alerta laranxa por vento en toda a comunidade.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), dende primeiras horas da maña actívase alerta laranxa en todo o litoral galego que pasará a nivel vermello pola tarde, con mar combinada do oeste con ondas que poden acadar os 9 metros e ventos do oeste-suroeste de forza 9.
Ademais, dende as 6,00 horas de mañá actívase a alerta laranxa en toda a comunidade por ventos do suroeste que poden acadar refachos de 100 km/h. A partir das 15,00 horas, prevese que pase a ser alerta vermella no noroeste da Coruña e na Mariña, onde os refachos poderán chegar aos 140 kilómetros por hora.
Suspensión actividades pesqueiras, marisqueiras e deportivas no mar
Aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras, marisqueiras e deportivas nas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, desde a Secretaría Xeral para o Deporte ínstase á suspensión de todas as actividades deportivas ao aire libre nas zonas afectadas. A Secretaría Xeral para o Deporte pretende deste xeito preservar a seguridade dos deportistas, adestradores, árbitros ou xuíces, afeccionados, operarios e garantir que non se produza incidencia algunha nas instalacións.
Debido ao temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. É preciso evitar aproximarse a diques, rompentes, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e fiestras.
A Xunta lembra que, co vento, o mobiliario urbano pode desprazarse e os restos de árbores e pólas que puideron caer á vía poden condicionar a circulación. Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse co vento. Ademais, desde a Xunta recórdase tamén ás empresas que traballan con andamios e grúas a necesidade de tomar as medidas de precaución oportunas.
Ademais, é recomendable consultar a páxina web do CIAE 112 (https://www.axega112.gal/ ), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.