Un total de 779 xornalistas pasaron pola prisión ao longo do 2023


Reporteiros Sen Fronteiras vén de publicar o seu informe sobre as e os xornalistas encarcerados no 2023. A organización internacional documenta que 779 comunicadores estiveron na cadea nalgún momento de 2023 e 547 comezaron o ano entre reixas. China, Myanmar, Belarús e Vietnam concentran case a mitad dos profesionais presos.

Co remate do ano, a organización Reporteiros Sen Fronteiras fai balance dos e das comunicadoras que sufriron algún tipo de reclusión ao longo do 2023, e asegura que "o encarceramento de xornalistas é un método de represion utilizado en preto da metade dos países do mundo". Desde RSF recollen un total de 779 casos de xornalistas que pasaron pola cadea no ano pasado, 547 dos cales se atopaban aínda a 29 de decembro entre reixas ou en arresto domiciliario. O número é lixeiramente inferior ao do ano pasado, cando se estabeleceu o record de 569 xornalistas en prisión a 31 de decembro, pero constata a xeneralización desta práctica contra a liberdade de expresión.

China continúa a ser a maior cadea para os profesionais da información do mundo, con 134 xornalistas que pasaron polo menos 48 horas presos ao longo do 2023, dos cales 121 continúan hoxe en día en prisión. Séguenlle no ranking de RSF Myanmar (69 comunicadores presos na actualidade, 84 ao longo do ano), Belarús (39/55), Irán (21/58) e Turquía (5/49). Unha mención a parte merece o conflicto palestino-israelí, facendo fincapé en que polo menos 34 xornalistas palestinos están detidos polas forzas israelís, a meirande parte deles sen cargos e sen xuízo. Pero o encarceramento de xornalistas exténdese por todo o mundo: Segundo os datos de RSF, nos últimos cinco anos, polo menos un xornalista foi detido polo seu traballo en 86 países do planeta.

A organización internacional destaca algúns casos particulares, como os do fotoxornalista birmano Sai Zaw Thaike, condenado a unha sentencia record de 20 anos por "desinformación" e "sedición"; o blogueiro vietnamita Nguyen Lan Thang, cunha sentenza de oito anos por "propaganda antiestatal"; ou o exipcio Mohamed Oxygen, detido desde 2019 por "publicación de noticias falsas". Salienta tamén que seis das oito penas máis duras impostas o ano pasado foron a mulleres xornalistas, como as iranianas Elaheh Mohammadi e Niloofar Hamedi (12 e 13 anos respectivamente), as bielorrusas Maryna Zolatava, Lyudmila Tchekina e Valeriya Kastsiouhova (con penas de entre 10 e 12 anos), ou a burundiana Floriane Irangabiye (condenada a 10 años de cadea).
--------
www.rbtribuna.com - RBTRIBUNA 
+ Texto : Colexio de Xornalistas de Galicia 
+ Fotos : D. R. 
----------