Galicia se ve obligada a duplicar el personal dedicado a combatir la Velutina
Pulsar sobre cada imagen que quieran ver a mayor tamaño.
A XUNTA REFORZOU EN MÁIS DO 50% O PERSOAL DE SEAGA DESTINADO Á RETIRADA DOS NIÑOS DE AVESPA VELUTINA
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo balance no Parlamento de Galicia do plan de loita contra esta especie e sinalou o aumento de case o 60% no número de avisos rexistrados no que vai de ano en comparación con 2022
- Os niños retirados por Seaga entre xaneiro e setembro superan os 20.800, un 40% máis que no mesmo período do ano pasado
- Destacou que o Goberno galego ofrece unha solución homoxénea en toda a comunidade para frear o avance desta especie e de forma coordinada cos 311 concellos adheridos ao plan da Xunta
- O Goberno galego ampliou nos meses de verán o horario da liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 para avisar da presenza de niños e reforzou as vías de contacto co reforzo do chatbot e a posta en marcha dun axente virtual con tecnoloxía de última xeración e intelixencia artificial
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo balance hoxe no Parlamento de Galicia do programa galego de vixilancia e control fronte á avespa velutina acordado entre a Xunta e os concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Así, aclarou que este ano a incidencia desta especie superou todas as expectativas e previsións, de xeito que se rexistrou un incremento de case o 60% no número de avisos no que vai de ano ata superar os 43.000 e fronte aos 27.500 do ano pasado. Nesta cifra inclúense tanto os 36.500 xestionados pola empresa pública Seaga, encargada da encomenda da retirada dos niños desta especie nos 311 concellos galegos adheridos, como os 6.400 avisos restantes de risco especial por atoparse no interior de vivendas ou lugares de especial concorrencia e que foron derivados ao 112 para a súa retirada inmediata.
Por iso, na súa intervención lembrou que nos meses de verán de maior incidencia deste insecto, a Xunta actuou de forma urxente co obxectivo de facer fronte ao aumento extraordinario de avisos, tanto co reforzo da contratación de equipos -un 50% máis pasando de 42 a 85 efectivos- como coa dotación de máis medios materiais.
Segundo detallou o vicepresidente primeiro, o operativo da empresa pública Seaga desprazou efectivos en máis de 36.500 ocasións entre xaneiro e setembro. Desta cifra, máis de 20.800 casos corresponden con niños retirados, un 40% máis que en 2022.
Diego Calvo aclarou que non todos os desprazamentos dos efectivos implican a retirada dos niños. Por exemplo, noutros 2.500 avisos atendidos tratouse de niños inactivos, en 6.700 casos non procedeu actuar por tratarse de especies distintas da avespa velutina ou por non poder visualizarse de forma directa ou en 2.400 supostos eran avisos duplicados xa comunicados por outras persoas. Nesta liña, engadiu que hai casos de niños inalcanzables ou inaccesibles ou avisos pendentes de permisos de propietarios, permisos administrativos ou calquera outra actuación complementaria.
Vías para a comunicación de avisos
O vicepresidente primeiro da Xunta incidiu ademais noutras medidas de reforzo postas en marcha nos últimos anos para facilitar á cidadanía a comunicación dos avisos cando detecten a presenza dun niño. Este verán, ao igual que nos anos anteriores, entre os meses de xullo e setembro ampliouse o horario de atención da liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 para atender os avisos de niños de velutina.
Tamén se mantivo o chatbot posto en marcha en xullo do ano pasado para comunicarlle á Xunta a presenza de niños de avespa velutina como vía complementaria ao Teléfono 012. Trátase dunha contorna de chat similar á doutros servizos en liña, que conta con opcións pechadas de resposta para guiar os usuarios co obxectivo de rexistrar o aviso de forma adecuada. Outra vía complementaria na xestión de avisos que se estreou como novidade neste ano é un axente virtual, un robot de voz baseado nos últimos avances en linguaxe natural e con tecnoloxía de última xeración e intelixencia artificial. Ambos servizos están dispoñibles as 24 horas do día os 365 días do ano.
Cómpre lembrar que hai un servizo de comunicación de resolución de avisos mediante SMS coas persoas que deron a notificación para informalas, un servizo integrado na aplicación Controlvelutina, que os efectivos de Seaga empregan para xestionar os avisos introducindo en tempo real os datos de cada caso e que tamén permite derivar de forma automática os avisos que teñen que ser atendidos desde o 112.
Por outra parte, na loita contra a avespa velutina indicou que a Xunta convoca cada ano a través da Consellería do Medio Rural unha orde de axudas á apicultura que este ano ascende a 1,4M€ e inclúe a adquisición de trampas e atraentes de cara á captura e eliminación da vespa velutina.
Plan centralizado e coordinado cos concellos
Diego Calvo puxo en valor que con este plan centralizado de loita contra a vespa velutina, a Administración autonómica ofrece desde 2020 unha solución homoxénea nas zonas afectadas para acadar unha maior eficacia na retirada e neutralización dos niños con este plan ao que están adheridos prácticamente a totalidade dos concellos galegos. Deste xeito, trabállase de forma coordinada cos concellos co obxectivo de loitar contra esta especie invasora e reducir a intranquilidade que ocasiona a súa presenza á cidadanía.