Principais organizacións de medios lanzan campaña contra desinformación


As asociacións de medios de comunicación AERC, AMI e UTECA lanzan unha campaña contra a desinformación en prensa, radio e televisión que salienta que sete de cada dez persoas foron enganadas por un vídeo ou unha mensaxe chegado ao seu móbil e chama a confíar nos e nas xornalistas para informarse. A FeSP critica que unha das organizacións promotoras, a AMI, teña "paralizada" a negociación do convenio de prensa diaria, e reivindica que a loita contra as fake news require tamén "unhas condicións laborais e profesionais dignas".

As principais organizacións de medios de comunicación de España, a Asociación Española de Radiodifusión Comercial (AERC), a Asociación de Medios de Información (AMI) e a a Unión de Televisiones Comerciales en Abierto (UTECA),veñen de pór en marcha unha campaña que reivindica o papel do xornalismo fronte á desinformación e ás fake news. A campaña vai distribuirse en prensa, radio e televisión co lema "Para o importante, confía en profesionais. Para informarte, confía en xornalistas" e o cancelo #Periodismocontralosbulos.

O anuncio co que se lanza a campaña está protagonizado por unha parella moza que se lamenta da desfeita causada no seu cabelo por causa dun truco, recomendado por un vídeo chegado ao móbil dunha deles, e lembra que sete de cada dez persoas creron algunha vez un vídeo ou unha mensaxe que resultou ser falsa, segundo o l Estudo sobre a Desinformación en España, realizado por UTECA e a Universidad de Navarra en xuño de 2022.

A campaña está a ter unha grande repercusión nos medios de comunicación, aínda que tamén xurdiron voces críticas contra a mesma. A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) lembra nun comunicado que para que o dereito á información se cumpra de maneira plena "é preciso que os e as xornalistas traballen nunhas condicións laborais e profesionais dignas, algo moi afastado da situación que vive esta profesión", e salienta que a AMI, unha das promotoras da campaña, "mantén paralizada desde hai meses a negociación do VII convenio colectivo estatal do sector de prensa diaria, que negocia desde xaneiro de 2022 coa FeSP, CCOO e UGT".

CPXG