Os usuarios do HC San Rafael desfrutan dun día na natureza con The Wild
16 usuarios con necesidades especiais da Área Ocupacional do HC San Rafael achegáronse esta mañá ao Parque Forestal de San Miguel de Oia para desfrutar dunha xornada de actividades na natureza.
“Un día na natureza” forma parte do programa de accións solidarias do The Wild Fest, o festival de cultura e natureza que se celebrará os vindeiros 4 e 5 de setembro.
Ás 10 da mañá deste mércores, 7 de xullo, 16 persoas usuarias da Área Ocupacional do HC San Rafael achegáronse ao Parque Forestal de San Miguel de Oia para desfrutar dunha xornada de actividades de lecer en contacto coa natureza. Xunto a eles, dúas técnicas do mesmo centro; Óscar Gallego, organizador do The Wild Fest e coordinador da xornada e Simón González, responsable de Territorio Comanche, empresa especialista en experiencias na natureza.
A actividade, bautizada como “Un día na natureza”, enmárcase dentro do programa de Accións Solidarias que The Wild Fest está levando a cabo en colaboración con entidades da contorna durante os meses previos á celebración do festival. O obxectivo é contribuír a trasmitir valores de sustenatibilidade e coidado medioambiental, asumindo un papel activo na transformación social necesaria para crear unha sociedade máis xusta e equilibrada, aliñada cos principios que defende The Wild.
A xornada deu comezo cunha andaina polas sendas do monte do Parque Forestal de San Miguel de Oia que achegou aos participantes á fauna e flora do entorno natural vigués. A comunidade de Montes de San Miguel de Oia é unha das grandes aliadas do festival, permitindo e facilitando todas as actividades que leva a cabo The Wild no seu territorio.
A continuación puideron desfrutar dun ágape no merendeiro do Parque, preciso para coller forzas para a actividade estrela do dia, A búsqueda do tesouro, unha proba lúdica na que os participantes, persoas con discapacidade intelectual de entre 26 e 61 anos, aprenderon destrezas de orientación con mapa e traballo en equipo para a resolución de problemas. Esta actividade tamén estará dispoñible durante o festival baixo o nome de Orientaventura e estará guiada polos especialistas de Territorio Comanche. Como peche da excursión, os participantes fixeron unha plantación simbólica de catro carballos no merendeiro do Parque, durante a cal se lles fixo partícipes da importancia de coidar as especies autóctonas.
THE WILD FEST
Na vindeira edición de The Wild, que se celebrará o 4 e 5 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia, buscará destacar como o festival multidisciplinar e medioambiental de referencia en Galicia con actividades tan diversas como concertos, faladoiros, xogos para os máis cativos, cinema, sendeirismo ou competicións deportivas baixo unha premisa común: gozar da natureza desde o respecto e a responsabilidade.
As entradas para o sábado, un total de 800, xa están a venda na web do festival a partir de 15 euros e estarán dispoñibles ata o 29 de agosto. O domingo, o acceso é de balde, aínda que haberá control de aforo.