Manuel Rico e Lorenzo Milá reciben os seus "premios Couso" nunha cerimonia marcada pola pandemia

Manuel Rico, director de investigación de infoLibre, recolleu no Centro Torrente Ballester de Ferrol o XVII Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol. Nos actos de entrega, cunha capacidade máxima moi limitada polas restricións sanitarias, participou tamén Lorenzo Milá, gañador da anterior edición, que o ano pasado non se puidera trasladar á cidade departamental por mor da pandemia.

Os actos de entrega da XVII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, tiveron lugar esta mañá en Ferrol. As restriccións provocadas pola crise sanitaria fíxeronse notar nunha cerimonia que non só se viu reducida en extensión e público, senón que por primeira vez xuntou a dous premiados: Manuel Rico, galardoado nesta edición, e Lorenzo Milá, gañador no 2020, que non puidera viaxar a Ferrol o ano pasado. 

O programa deu comezo ás 10:30 coa tradicional ofrenda floral na estatua ‘Ás Ceibes’ de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns. Ás 13:00 horas, a capela do Centro Torrente Ballester acolleu a entrega do premio, presentada por Marta Corral. No acto, xornalista Ángel Carracedo deu leitura a un manifesto en nome da organización, redactado por el mesmo, que lembrou o compromiso coa liberdade de prensa dos premiados, de José Couso e dos recentemente asasinados Roberto Fraile e David Beriain. Carracedo asegurou que "malia a falta de credibilidade aínda somos unha ferramenta útil para a xente, este oficio aínda ten a capacidade de cambiar o mundo e o noso traballo é fundamental para construírmonos unha sociedade mellor, máis igualitaria, máis libre, máis crítica, menos corrupta, menos manipulable". 

A continuación, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto, e o decano do CPXG, Francisco X. González Sarria, entregaron o XVII Premio José Couso a Manuel Rico, xornalista de investigación. Rico agradeceu o premio e salientou que recibilo por causa da súa investigación sobre as residencias é unha lección "de que o xornalismo ten que mirar máis a lugares que moitas veces permanecen fóra do foco, pero onde están en xogo cousas certamente importantes, como o coidado e a dignidade dos maiores". Lorenzo Milá, galardoado na edición do ano pasado, tamén recibiu o seu premio, tras o que quixo insistir en que "a responsabilidade da liberdade de prensa recae nos xornalistas e nos medios, pero tamén na cidadanía". Pechou o acto o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, quen anunciou que vai propór ao Concello un convenio estábel para garantir que o Premio Couso se entregue sempre na cidade departamental.

Ademais, ambos os dous premiados participaron dun coloquio no Centro Torrente Ballester, organizado polo Concello de Ferrol, no que se trataron temas como a polarización dos medios, as fake news, a precariedade laboral na profesión, o control político e económico, o xornalismo local ou a fenda de xénero. Milá lembrou que "a velocidade sempre vai contra o rigor" e defendeu que "a persoa que queira dedicarse ao xornalismo ten que ser, na medida do posíbel, honesta". Pola súa banda, Rico expresou a súa confianza en que "sempre vai haber unha porcentaxe da poboación que vai querer información crítica" e insistiu en que a valía dos profesionais do xornalismo non depende de onde traballen: "A única diferenza entre Madrid e Santiago é o eco". Os dous galardoados asinaron tamén no libro de ouro da cidade.

 Os premiados

Manuel Rico Prada, gañador da XVII edición do Premio José Couso, naceu na vila berciana de Fabeiro en 1967. Licenciouse en Xornalismo na Universidad de Navarra e ten un mestrado de Estudos da Comunicación pola University of Missouri-Columbia, ademais de ser graduado en dereito pola Universitat Oberta de Catalunya. A súa carreira como xornalista comeza como redactor de El Correo Gallego en 1990. Tres anos despois pasa ao xornal El Mundo como correspondente e, posteriormente, subdelegado en Galicia, para exercer finalmente de responsábel de local na edición do País Vasco. No 2000 incorporase ao Grupo Zeta en Madrid, onde puxo en marcha a edición dixital de Interviú e logo foi redactor xefe desta revista, para ocupar finalmente o cargo de subdirector de Tiempo.

En 2007, coa posta en marcha do xornal Público, entra a traballar como redactor xefe de política, ocupando posteriormente os cargos de xefe de redacción e subdirector. En 2009 foi demandado xunto a outros xornalistas de Público por Ignacio González, tras teren publicado informacións que detallaban o seu papel en adxudicacións públicas sospeitosas. A demanda foi rexeitada por varios tribunais. En 2013, pasa a formar parte do equipo fundador do dixital InfoLibre, primeiro como director e, desde o ano pasado, como director de investigación. Durante a pandemia investigou a situación das residencias de maiores, moitas das cales están en mans de grandes grupos privados, un traballo que vén de plasmar no libro Vergüenza, el escándalo de las residencias.

Ademais, foi presidente da Asociación de Xornalistas de Santiago de Compostela entre 1995 e 1997 e participou da posta en marcha do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. É membro tamén do Colegio de Abogados de Madrid.

Pola súa banda, Lorenzo Milá Mencos, galardoado na edición anterior,  ten unha longa traxectoria profesional como correspondente de TVE, onde ten cubertos diferentes acontecementos mundiais do mesmo xeito rigoroso e profesional. É un dos xornalistas que personalizan a mellor época de independencia do ente público, como así o demostran os informativos que presentou en La 2 e en Telediario 2. Desde o 2014, é o correspondente en Italia, desde onde está a facer a cobertura profesional sobre a COVID-19.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio José Couso co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017), Julia Otero (2018), Defende A Galega (2019), Lorenzo Milá (2020) e Manuel Rico (2021) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’ do escultor Manuel Patinha.

Normas de hixiene (informativa) para tempos de pandemia (xornalística) (Manifesto de César Carracedo)

Acta do fallo da XVII Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa

Manuel Rico: "Os xornalistas teñen que ser activistas radicais en defensa do dereito á información dos cidadáns"

Lorenzo Milá gaña o XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa

Web do Premio Couso


Manuel Rico, tras recoger su premio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.