Fuerte ataque y campaña del Bloque contra la Xunta, el PSOE y la Universidad privada que amparan

O BNG mantivo esta tarde en Vigo un encontro con representantes da comunidade universitaria (estudantado, profesorado e PAS) da UVigo para informarlles do "ataque ao ensino universitario público que supón a creación da Universidade privada promovida por ABANCA que, con sede en central en Compostela, terá campus na Coruña e Vigo".

Con este acto o BNG inicia unha campaña en defensa da universidade pública que, ao longo das vindeiras semanas, percorrerá as sete cidades galegas. No caso do acto celebrado en Vigo contouse coa participación de Iria Custodio, aluna da UVigo integrante da organización estudantil Erguer, do portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais do deputado e portavoz de Educación do Bloque no Parlamento galego, Manuel Lourenzo.

Ante o inminente inicio da tramitación parlamentar da denominada Universidade Intercontinental da Empresa promovida pola Afundación, o BNG pedirá a retirada deste proxecto de lei da Xunta. Un proxecto que, segundo indicou Lourenzo, “non ten máis obxectivo que afondar nas políticas de privatización e desmantelamento dos servizos públicos, neste caso da universidade galega, que leva caracterizado o último decenio do PP no goberno”.

Cómpre lembrar que o BNG xa denunciou "o infrafinanciamento do sistema universitario non só nos orzamentos galegos deste ano, senón tamén nos dos exercicios anteriores, e que ten presentado distintas emendas ás contas da Xunta para corrixir este déficit". Os nacionalistas subliñan que "o sistema universitario galego ten visto reducido o seu financiamento na última década en 438 millóns de euros como resultado da “política de recortes” aplicada pola Xunta do Partido Popular". Neste sentido, demandan un novo plan de financiamento das universidades públicas para mellorar a súa dotación económica, destinando o equivalente o 1,5% do PIB galego. Desta maneira, explican, melloraríanse “as condicións docentes e o impulso á investigación” e podería materializarse a “necesaria ampliación da oferta educativa pública, hoxe bloqueada pola cláusula de estabilidade, para a adaptar ás necesidades sociais e laborais do noso País”.

Ademais, tal e como sinalou na súa intervención o voceiro municipal Xabier P. Igrexas, “as titulacións previstas por esta universidade privada entran a competir directamente con titulacións xa existentes xa na Uvigo, como por exemplo no caso do grao de ADE”
Para o BNG principios básicos da educación como son os de igualdade, mérito e capacidade non poden ser substituídos por universidades privadas clasistas e vetadas para inmensa maioría dos galegos e galegas. Neste sentido, Manuel Lourenzo sinalou que “fronte á privatización, o noso modelo pasa por consolidar unha universidade pública que poña todo o potencial investigador e toda a capacidade da nosa docencia e do noso alunado no lugar que lle corresponde: na vangarda universitaria de Europa”.

O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou no acto "a posición “cínica” do PSOE en relación a este debate". O edil lembrou que a pinza entre o PSOE e o PP de Vigo impediu, en decembro de 2019, que o Pleno da Corporación aprobase unha declaración institucional, promovida polo BNG, para rexeitar o proxecto de universidade privada e demandar un apoio decidido ao ensino universitario público. “O duplo xogo dos dous Caballero neste asunto é tan delirante como ofensivo. Gonzalo, di a nivel galego que se opoñen, e Abel en Vigo, impide que o Concello se manifeste en contra”, reprochou.

Igrexas enfatizou que “o ensino público e o seu carácter irrenunciábel como dereito social tamén no nivel universitario”. Desde esa perspectiva defenden tamén que se inste a aumentar substancialmente o sistema de becas e axudas públicas así como a que se eliminen as barreiras para o acceso das clases populares e traballadoras a estudos universitarios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.