Esta foi a principal conclusión da videoconferencia que mantiveron esta tarde a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e os seus homólogos das outras comunidades lobeiras tras facerse público onte que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico se reunira coas organizacións agrarias para falar sobre o lobo e da súa proposta para incrementar o actual nivel de protección desta especie.
Tras lamentar unha vez máis que o Goberno ignore a súa opinión, a pesar de que de forma reiterada lle teñen solicitado que conte coa experiencia adquirida durante anos na xestión do lobo, os catro responsables autonómicos consideraron inxustificable que o Estado manteña ás comunidades lobeiras á marxe da decisión e non se deixe asesorar.
Así, insistiron en que terá consecuencias directas para os seus territorios e suporá unha ameaza para o sector agrogandeiro xa que, na práctica, significará prohibir calquera acción cinexética de control sobre estes animais.
Neste sentido, os catro conselleiros esixiron ao Goberno central que desista da súa intención de incluír o lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe) ata que se consensúe a nova Estratexia nacional de xestión e conservación da especie.
Esta mesma postura xa fora defendida por un total de 11 autonomías as catro máis afectadas (Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León) ademais de País Vasco, Aragón, Madrid, Murcia, Andalucía, Navarra e a cidade autónoma de Ceuta, na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada hai un mes, durante a que se abordou o estado de tramitación da solicitude para incrementar o actual nivel de protección do lobo ibérico.
Desde ese día, ningunha das comunidades tivo noticias sobre os plans do Goberno ata que onte transcendeu a través dos medios de comunicación que o director xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertificación, Jorge Marquínez, lles trasladara ás organizacións profesionais agrarias que o Ministerio tiña previsto pospoñer a inclusión do lobo no Lesrpe para evitar o baleiro xurídico que suporía facelo antes de ter unha nova estratexia nacional.
Cando aínda non transcorreran nin 24 horas desde que se fixera pública esta información, o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, saíu para desmentilo e negar que se vaia negociar "desde cero" un novo plan de xestión e control do lobo, asegurando que o proceso para a entrada en vigor da orde que prevé incorporar esta especie ao Lesrpe “segue sendo o mesmo”.
Neste sentido, os catro conselleiros interpretaron as últimas manifestacións do Ministerio e as contradicións entre os seus diferentes responsables como unha mostra máis da irresponsabilidade, a falta de empatía e a desinformación coa que o Goberno central leva meses afrontando este tema, unha actitude que, desde o seu punto de vista, reflicte que ten dúbidas sobre a viabilidade da súa propia proposta.
Falta de información
Ante a falta de información oficial de primeira man, os responsables autonómicos coincidiron tamén en lamentar os “bandazos” que segue a dar o Estado neste asunto, xerando incerteza e aínda máis inseguridade entre as comunidades e o sector agrogandeiro, que convive e comparte territorio co lobo grazas a un difícil equilibrio no que resulta imprescindible poder contar con ferramentas efectivas de control e xestión.
En todo caso, lembraron á ministra Teresa Ribera que aínda hai tempo para rectificar, que pode paralizar a tramitación da medida e abrir un diálogo con todas as comunidades, en especial, coas catro que levan anos xestionando en solitario estas poboacións para deseñar unha estratexia consensuada e que contente a todas as partes.