Tanto a presidenta Carmela Silva como o Secretario Xeral de ASIME, Enrique Mallón, subliñaron o compromiso de ambas as dúas entidades para traballar de forma conxunta cara aos Fondos Next Generation, na necesidade da colaboración público-privada para mobilizar para facer posible a recuperación, e concordaron en percorrer un camiño avanzando no xa existente co proxecto europeo IN4.0, no que ambas entidades son socias impulsoras. A presidenta provincial sinalou que cara a explorar novas liñas de colaboración “resulta fundamental apostar por proxectos maduros cuxo resultados permitan medir a transformación real do modelo económico”.
Para Mallón, “o IN4 é unha boa mostra de que a industria e as entidades galegas están preparadas para atraer e desenvolver proxectos europeos de calado, que neste caso afectan de forma directa a unha industria clave na provincia, como é o naval. Grazas a esta iniciativa, dixo, estamos impulsando a transformación das empresas do sector á industria 4.0, adaptando os seus modelos produtivos, capacidades e implantación tecnolóxica. Ese é o el camiño: a capacitación, innovación e dixitalización.”
Pola súa banda, Rafael Outeiral vicepresidente de Asime, destacou que: "a Covid-19 tivo un impacto significativo na industria do metal e as súas tecnoloxías asociadas, que en 2020 foi testemuña de caídas históricas do 12% na facturación e do 2% no emprego. Pero, a pesar de todo, este sector soportou mellor o impacto da pandemia que outros, falamos dunha industria que emprega a máis de 57.000 traballadores e representa o 20% do PIB con máis de 3.700 empresas, cun peso moi importante na provincia. Estamos ante unha actividade económica, sinalou, cunha enorme solidez, que pode ser un piar fundamental para a recuperación económica, que esperamos que comece a producirse a partir do segundo semestre deste ano ”
A Deputación de Pontevedra seguirá colaborando activamente con a Feira Internacional Mindtech, que Asime organiza do 14 ao 16 de setembro no Ifevi, en Vigo. A este respecto, Carmela Silva amosou a relevancia desta iniciativa, xa que “permítenos amosar ao mundo a calidade e competitividade coa que traballa a nosa industria, recoñecida internacionalmente, e con moi sólidas capacidades para crecer e fortalecerse como elemento clave da nosa economía”. Amais, a presidenta provincial amosou a vontade de seguir a colaborar en novos formatos no marco deste evento, “xa que falamos dunha das mostras máis potentes de Galicia”.