Manuel Rivas e Fátima Pego falan sobre a música, a memoria e o poder paralizador do medo en "Referentes"


Manuel Rivas e Fátima Pego falan sobre a música, a memoria e o poder paralizador do medo en Referentes

O escritor galego máis universal e a cantante da orquestra Panorama conversan este xoves ás 20h30 na terceira entrega da proposta audiovisual da área de cultura da Deputación da Coruña

A música, a memoria da infancia, a ética, a retranca como ferramenta para a supervivencia e a importancia trascendental que ten o paso do tempo nas nosas vidas centran parte da conversa protagonizada polo escritor Manuel Rivas e pola cantante Fátima Pego dentro do proxecto audiovisual dixital Referentes, que se estrea mañá xoves 15 de abril ás 20h30 no Facebook e no Youtube da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Pego destaca nun momento da conversa "o medo a esquecer o verdadeiramente importante e a deixarse levar por cousas que ás veces nos nublan o entendemento e que non teñen maior importancia" e salienta "a importancia do agora, do momento que estamos vivindo", mentres que Rivas recoñece que o que máis o atemoriza é o propio medo e explica que "o medo é paralizante, facilita a dominación dunhas persoas sobre outras, a servidume". "Que te domine o medo déixate indefenso ante a barbarie", conclúe.



Manuel Rivas naceu en 1957 no barrio coruñés de Montealto, onde se criou e onde empezou a escribir xa dende neno. Aos 15 anos xa publicaba artigos en El Ideal Gallego, vocación que seguiu cultivando tras estudar Ciencias da Información en Madrid. Xa con 19 anos formaba parte da redacción da revista Teima, primeiro semanario escrito en galego. A día de hoxe está considerado o escritor galego con máis proxección internacional. A súa obra, escrita orixinalmente en galego, está traducida a unha vintena de idiomas. Premio Nacional de Narrativa, Premio de Poesía Nova de O Facho, membro da Real Academia Galega, entre os seus títulos máis destacados figuran Que me queres, amor?, A lingua das bolboretas, O lapis do carpinteiro, Os libros arden mal ou Todo é silencio, algunhas delas levadas ao cine por realizadores como José Luis Cuerda ou Antón Reixa.



O 26 de marzo de 1986 naceu en Bastavales Fátima Pego e xa dende pequeniña amosou paixón pola música. Medrou cantando no coro da igrexa e xogando a dar concertos multitudinarios dende a porta do hórreo. Formouse academicamente na súa outra gran vocación, Comunicación Audiovisual, e a día de hoxe combina ambas facetas na súa vida profesional. Mentres triunfa nos escenarios da Orquestra Panorama, unha das máis cotizadas e seguidas no mundo das verbenas, presenta na Televisión de Galicia programas relacionados coa música e os espectáculos no país.

A xornalista Marga Pazos, gañadora dun Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora, conducirá a conversa entre estes dous referentes presentes e futuras da sociedade galega. Falarán da vida e da paixón coa que elas a afrontan e ese diálogo desenfadado ofreceralle ao público unha oportunidade única para ver a actualidade dende un novo prisma, reflexionando sobre a nosa cultura e sobre as ferramentas que nos ofrece para reinventarnos.

A Cultura en tempos de pandemia, máis dereito ca nunca

Neste contexto pandémico no que se unen unha certa tensión no ambiente cun enorme consumo audiovisual na rede, un novo proxecto busca recuperar o pracer do diálogo amable e construtivo entre persoas con diferentes perfís e intereses. Referentes é un proxecto audiovisual dixital, un ciclo de charlas entre persoas de referencia na nosa cultura que se poderá ver de balde na rede co obxectivo de "afondar no Nós colectivo", en palabras de Xurxo Couto. Cada mes, difundirase unha conversa entre Referentes da cultura e da sociedade galegas, que nos permitirán coñecer e valorar o noso xeito de vida e situarnos inequívocamente no mundo, proxectándonos cara un futuro tan difuso como incerto coa nosa identidade como piar básico.

A área de cultura da Deputación da Coruña que dirixe Couto impulsa esta proposta para "afondar na diversidade do noso pobo a través dunha serie de conversas entre artistas, intelectuais e pensadoras de diversos ámbitos e disciplinas que nos amosarán unha visión da nosa realidade cultural e social inspiradora e motivadora". O obxectivo que persegue a Deputación da Coruña é o de "imaxinarmos novos mundos dende o agora, empregando a cultura como bálsamo e motor con ánimo analítico, propositivo e transformador da nosa realidade". "Unha cultura, unha lingua e un país precisan ter os seus propios referentes", explica Couto. "No caso galego, temos figuras de relevancia que están a abrir camiños e tamén a exportar a nosa cultura e presentarnos e representarnos máis alá das nosas fronteiras... e este programa quere que se coñezan a fondo e que se escoiten".

Referentes enmárcase dentro da campaña "A Cultura é un dereito" artellada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña para afianzar a mensaxe de que a cultura constrúe unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial. "Ao noso ver, a cultura é fundamental para a sociedade, é un dereito para todos e todas e tamén un sector de especial relevancia non só para a economía do país senón tamén para a nosa calidade de vida", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

O mundo da cultura é dos que máis forte está a sufrir o impacto da pandemia do coronavirus. Un impacto que non se cinxe só no eido laboral, con miles de profesionais afectados, senón en canto á cultura como dereito social, como alierce dunha sociedade, como ferramenta para a mellora social. "Acreditamos firmemente en que a cultura é un dereito, que alimenta, que nos fai o que somos", remata Couto. "O espazo das ideas e dos valores, que non pode reducirse a ornamento. Por iso traballamos. Cultura en todos os concellos, cultura con todas as persoas".


A escritora Berta Dávila e o cineasta Alfonso Zarauza protagonizaron o #Referentes02, xa dispoñíbel nas redes sociais da Área de Cultura da DAC


A artista multidisciplinar Mercedes Peón e a chef Lucía Freitas protagonizaron o #Referentes01​, xa dispoñíbel nas redes sociais da Área de Cultura da DAC