La Xunta demanda compromiso y responsabilidad en la tramitación municipal del proyecto de urbanización de San Paio de Navia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ofreceu esta mañá unha rolda de prensa sobre os avances sobre este proxecto na cidade olívica

  • Ángeles Vázquez avanza que o Instituto Galego da Vivenda e Solo vén de remitir o proxecto da fase 1 ao Concello, para a súa aprobación definitiva coa que se poderá iniciar a urbanización e comercialización do solo.

  • Destaca que a seguinte e máis inmediata tramitación deste proxecto recae entón na administración local, que deberá sometelo a información pública e solicitar os informes sectoriais.

  • Recorda que este mesmo mes se iniciou tramitación para a expropiación dos terreos necesarios para a ampliación zona residencial, co fin de obter 265.000 m2 necesarios para a construción das vivendas previstas neste ámbito.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, solicitou esta mañá ao Concello de Vigo compromiso e responsabilidade nos trámites que debe abordar a administración local, unha vez que a Xunta de Galicia remitiu o proxecto de urbanización da fase 1 ao Concello para obter a correspondente licencia.


A conselleira de Medio Ambiente avanzou en rolda de prensa, na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, este novo paso avanzado polo Goberno galego para permitir que a cidade con maior demanda de vivenda, incremente a súa oferta en 1.600 novos fogares.


Explicou que agora o proxecto está nas mans do Concello, que deberá avanzar na seguinte tramitación: aprobación inicial, sometemento a exposición pública por un prazo dun mes e petición dos informes sectoriais; para volvelo a someter a aprobación de xeito definitiva.


Ángeles Vázquez recordou que -tal e como recolle a Lei do solo- a aprobación definitiva debe facerse nun prazo máximo de tres meses, desde que remata a exposición pública e se reciben os informes sectoriais e precisou que se non se emite resolución, o proxecto queda aprobado por silencio administrativo. 


Aclarou que a celeridade coa que se avance neste punto da tramitación recae no Concello de Vigo, polo que solicitou precisión, e o máis importante, colaboración para que se pronuncie sobre a aprobación definitiva ou que nos traslade aquelas cuestións que considere oportunas e evite demoras innecesarias, tal e como sucedeu coa aprobación do Plan parcial de San Paio, pola que houbo que esperar máis de dous anos.


Destacou que esta cidade necesita que San Paio de Navia sexa unha realidade canto antes, para facer realidade a construción de 1.600 vivendas, para evitar a inmobilización de 250 millóns de euros que require este proxecto e para dar vida a unha superficie de 265.000 m2, onde -ademais das vivendas- se habilitarán zonas verdes, superficie de uso terciario, máis de 1.000 prazas de aparcamento e un carril bici de dous quilómetros. É dicir, non priorizar este proxecto implica paralizar o desenvolvemento dun barrio activo, verde e aberto para as familias, os mozos e os colectivos con necesidades.


A conselleira de Medio Ambiente destacou que o paso avanzado esta mañá unha nova mostra do compromiso real e cuantificado do Goberno galego coa Cidade de Vigo, que se vén a sumar ao compromiso anunciado este mesmo mes, co inicio do proceso de expropiación para a ampliación de San Paio de Navia, en Vigo, ao que se destinarán 14,5 millóns de euros.


Este proceso, que aínda está en información pública, permitirá adquirir preto de 120.000 m2, para dispoñer así da totalidade dos terreos —265.000 m2— nos que se prevé construír 1.600 vivendas de protección pública. Coa adquisición de máis de 200 parcelas nos tres polígonos nos que se divide a ampliación do plan parcial e, tras a súa urbanización, poderase iniciar a construción de novas vivendas.


Na rolda de prensa, tamén se explicaron algúns detalles sobre o proxecto de urbanización da fase 1, como a definición dun viario, que será eixe vertebrador de todo o ámbito e que conectará as distintas etapas de norte a sur e onde iran aparecendo todos os usos dando lle prioridade ao peón.


En canto ás infraestruturas viarias, mellorarse a conexión co núcleo de Navia, acondicionando o viario que une a alameda coa alameda prevista no proxecto e se elimina a conexión coa rúa Xuncal para vehículos, co fin de preservar a carballeira existente.


Así, San Paio de Navia será a nova bolsa verde de Vigo, pois se ordenará a vexetación dispersa existente e se introduciran especies autóctonas, debuxando espazos públicos de relación que dan servizo á nova trama residencial como aos veciños de San Paio; que tamén poderán facer uso dun carril bici de dous quilómetros con pendentes suaves que recorre o barrio de norte a sur e que se poderá conectar coa senda verde do paseo de Lagares, ao sur, e coa Avenida de Europa, ao Norte, cara á praia de Samil.


Por último, Ángeles Vázquez reiterou que esta folla de ruta clara e definida é unha mostra da aposta decidida do Goberno galego para incrementar a oferta de vivenda protexida en Vigo, a cidade galega con maior demanda residencial.