Este proxecto é posible coa cofinanciación da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o cadro de “Actividades de interese xeral consideradas de interese social”.
A asociación Amizade, asociación de persoas con discapacidade da Comarca de Pontevedra ofrece un “Servizo de atención integral, promoción da autonomía persoal e inclusión social das persoas con discapacidade” que, enmarcado dentro do Programa de atención integral para persoas con discapacidade, conta con aproximadamente 70 persoas beneficiarias de diferentes concellos da provincia de Pontevedra.
O servizo está dirixido a persoas con discapacidade da comarca e pretende levar a cabo actuacións de información e asesoramento, promoción da autonomía persoal (fisioterapia, logopedia e apoio psicolóxico), actividades de ocio e deportivas así como accións de sensibilización política e social.
Para poder levalo a cabo, Amizade conta cunha cofinanciación da Xunta de Galicia de 14.000 € procedentes da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF a cal é xestionada por COGAMI.
No 2020 o Instituto Galego de Estadística (IGE) sinalaba que na provincia de Pontevedra se atopan 92.380 persoas con discapacidade. Unha cifra de poboación significativa que conta cunha escasa oferta de recursos públicos na zona e que de xeito privado adoitan ter un custo elevado que limitan o acceso ao moitas persoas.
Todas as actividades e servizos que desenvolve Amizade, que comeza a súa andaina no ano 1988, están pensados para fomentar que as persoas con discapacidade sexan capaces de acadar un nivel de vida máis autónomo e independente. Amizade forma parte da Confederación Galega de persoas con discapacidade (COGAMI).