Editors Choice

3/recent/post-list

Ad Code

Responsive Advertisement

Recent in Technology

‘Ons’, de Alfonso Zarauza, favorita nos XIX Premios Mestre Mateo con 13 candidaturas finalistas

O filme opta ao premio á Mellor longametraxe, xunto co de Mellor dirección para Alfonso Zarauza e os de mellor interpretación para os actores Melania Cruz, Antonio Durán ‘Morris’, Xúlio Abonjo e Marta Lado, entre outras categorías profesionais.

A película Ons é a produción que opta a máis galardóns na XIX edición dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o vindeiro 10 de abril na Coruña. Isto sitúa o filme de Alfonso Zarauza como unha das grandes favoritas nos premios, con 13 candidaturas finalistas, entre elas a de Mellor longametraxe. 


As outras candidaturas finalistas recoñecen o talento do equipo artístico e técnico do filme nas seguintes categorías profesionais: Mellor dirección (Alfonso Zarauza), Mellor guión (Alfonso Zarauza e Jaione Camborda), Mellor dirección de fotografía (Alberte Branco), Mellor dirección de arte (Elia Robles), Mellor dirección de produción (Tamara Soto), Mellor vestiario (Saturna), Mellor son (Sérgio Silva e David Machado) e Mellor montaxe (Fernando Alfonsín), ademais de en todas as categorías de interpretación: Mellor interpretación feminina protagonista (Melania Cruz), Mellor interpretación masculina protagonista (Antonio Durán ‘Morris’), Mellor interpretación feminina de reparto (Marta Lado) e Mellor interpretación masculina de reparto (Xúlio Abonjo). 


A Academia Galega do Audiovisual deu hoxe a coñecer os finalistas desta XIX edición dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o vindeiro 10 de abril no Teatro Colón da Coruña. Boa parte dos profesionais finalistas de Ons xa foron recoñecidos nestes premios con anterioridade: Alfonso Zarauza conta con 5 Mestre Mateo no seu haber (Mellor dirección e guión por A noite que deixou de chover (2008) e Os fenómenos (2014), e mellor realización pola serie O Nordés (2008). Tamén foi finalista a mellor director por Encallados (2013). Melania Cruz conta con 2 Mestre Mateo polas longametraxes Dhogs (2018) e Trote (2019) e foi finalista polo seu traballo encarnando a Rosalía de Castro no telefilme Contou Rosalía, mentres que Morris foi gañador destes premios 5 veces, polas súas interpretacións en O partido, Doentes, A esmorga, Códice e Dhogs. Noutras 12 ocasións foi finalista polos seus traballos en series como Pratos Combinados, Air Galicia ou Padre Casares


Outros profesionais como o director de fotografía, Alberte Branco, as deseñadoras de vestiario Saturna ou o deseñador de son David Machado contan tamén con varios Mestre Mateo ás súas costas, mentres que para a directora de produción Tamara Soto e a directora de arte Elia Robles esta pode ser a ocasión de facerse cunha estatuíña por primeira vez. 

Próxima estrea en VOD

Ons estreouse o 18 de decembro e colocouse como segunda película máis vista nas salas de cine galegas o pasado nadal, só superada por Wonder Woman 1984 nos cinemas dos centros comerciais. O seu percorrido en cinemas viuse truncado a finais de xaneiro polas restricións da terceira vaga da covid en Galicia, mais agora encara a seguinte etapa de distribución, con proxeccións en vilas galegas e a súa estrea online en VOD, prevista para este mes de abril. 


O filme, coproducido con Portugal e ambientado na Illa de Ons,  é un drama emocional con toques de misterio protagonizado por Melania Cruz e Antonio Durán ‘Morris’. Interpretan un matrimonio en crise, que trata de salvar a súa relación vivindo unha temporada na illa de Ons e que cruza o seu destino co dunha muller amnésica que aparece naufragada na praia. Completan o reparto Xúlio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Miguel de Lira, Diego Anido, Montse Martínez e Cris Iglesias. Na banda sonora do filme destaca a canción ‘Na cela’ do grupo de Carballo Chicharrón, que adapta un poema de Antía Otero.


Trátase da quinta longametraxe de Alfonso Zarauza, un dos cineastas galegos máis sólidos e experimentados, tras A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013), Os fenómenos (2014) e A viaxe dos Chévere (2014). Ons está coproducida por Maruxiña Film Company (Galicia) e Bando à Parte (Portugal) e conta coa participación da Televisión de Galicia (TVG) e da Rádio e Televisão de Portugal (RTP), con subvención de Agadic e coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Publicar un comentario

0 Comentarios

Ad Code

Responsive Advertisement