María Ortega explicou que puidéronse celebrar todos os pasarrúas previstos salvo o do Concello de Baiona, que se decidiu cancelar pola alta incidencia da COVID-19. No resto das localidades, cumprindo estritamente os protocolos sanitarios e sen ningunha incidencia, o Apalpador visitou as rúas no que “foi, sen dúbida, o mellor proxecto de animación dos que levamos desenvolvidos nestes cinco anos, a maior participación de público, o público máis diverso (dende bebés a anciáns, persoas con diversidade funcional e mesmo os habitantes das terrazas dos bares) e con maior vistosidade. Foi o reto máis grande enfrontándonos ao Covid e ao tempo chuvioso, temporais e mesmo vento endiañado, xiadas imposibles e a mesma neve”, apuntou Moure.
Na comarca de Pontevedra foron tres as visitas do Apalpador (Barro, Poio e Cerdedo-Cotobade), na comarca de Vigo tres (Soutomaior –onde fixo un ‘bis’-, Gondomar, e O Porriño), na comarca do Salnés dúas (Illa de Arousa e Cambados), na comarca do Deza-Tabeirós dúas (Silleda e Rodeiro), tres na comarca do Condado Paradanta (As Neves, Covelo, e Ponteareas), catro na comarca do Morrazo (Bueu, Moaña, Cangas, e Vilaboa), e catro no Baixo Miño (Salceda, Tomiño, O Rosal, e Tui).