As canles dixitais da Deputación de Pontevedra, tanto nas súas páxinas web como nas súas principais redes sociais, rexistraron en 2020 grandes datos de visitas e audiencia, cun crecemento exponencial que non só consolidan, senón que redobran a súa aposta dixital na súa relación coa cidadanía da provincia. A Deputación ten unha ampla presenza na contorna dixital e o rendemento acadado neste período vén confirmar o alto interese que xeran os seus contidos e actividades entre os concellos e a poboación. Ademais, no obxectivo prioritario por impulsar os novos modos de relación coa cidadanía, a sede electrónica aumentou o seu uso nun espectacular 63%.... destaca una nota de prensa del organismo provincial.
A web da Deputación rexistrou en 2020 preto de 400.000 usuarios e usuarias únicas (398.315) e superáronse o millón de sesións (1.055.206). Xeráronse máis de 2,59 millóns de páxinas vistas, o que significa que os usuarios e usuarias pasaron, de media, por preto de 3 páxinas cada vez que visitaron a páxina web da Deputación. No caso da web de Turismo Rías Baixas, 2020 supuxo o seu récord histórico de visitantes, preto de 300.000 persoas usuarias (285.329) que se conectaron á web un total de 356.289 veces e visitaron 585.336 páxinas (unha media de 1,6 páxinas vistas en cada sesión).
A Deputación de Pontevedra tamén gañou un importante número de seguidoras e seguidores nas súas redes sociais. No caso de Twitter o incremento foi do 25% en dous anos, xerando 2734 seguimentos máis e, en canto ao perfil en Facebook, a audiencia medrou nun 17% con 2115 seguimentos novos. Tamén, nesta rede, o alcance medio das publicacións mellorou nun 5%.
Do mesmo xeito, cómpre salientar a mellora dos datos das principais canles de Turismo Rías Baixas: un 16% máis de alcance das súas publicacións en Twitter (onde a audiencia medrou un 13% en 2 anos, con 3183 seguimentos máis), e un 28% máis de alcance en Facebook (con 2926 seguidoras e seguidores novos, un 13% máis) malia as restricións á mobilidade.
Espectacular incremento do 63% da sede electrónica
A mellora e impulso das canles dixitais da institución provincial para a relación coa cidadanía, unido ás novas necesidades que coa pandemia se fixeron máis patentes, supuxeron un grande incremento de tramitacións electrónicas. 119.357 usuarios e usuarias visitaron a sede electrónica da Deputación en 2020, o que representa un aumento do 63% (en 2019 foron 73.050). Se xa esta porcentaxe de incremento é alta, máis o son no caso das páxinas visitadas e das sesións abertas. De 888.447 páxinas vistas en 2019, pasouse a 1.829.250 en 2020: un incremento do 105,8%. En canto ás sesións abertas, o incremento é aínda máis notorio xa que se pasou das 160.311 sesións de 2019 ás 364.396 sesións de 2020: isto supón un 127% máis que no ano anterior.
Do mesmo xeito, o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra tamén tivo unha gran demanda ao rexistrar un incremento do 3,3% de persoas usuarias (de 229.117 a 236.762) xerando máis de 2 millóns de páxinas vistas durante 2020.
As campañas online da Deputación de Pontevedra postas en marcha no mes de decembro, para pór en valor as mulleres da provincia, fomentar a igualdade desde o berce e promover o consumo de produtos e comercios locais, xeraron máis de 100.000 impactos en Facebook, Twitter e Instagram
A Deputación impulsou a adquisición de xogos e xoguetes non violentos e non sexistas a través de “Xogando aprendemos a vivir”, que puxo o foco na importancia de fomentar a corresponsabilidade nos coidados desde cativos e cativas. Tamén ligada ao Nadal estivo unha nova edición de “Elas son a forza do Nadal”, na que salientamos o labor das mulleres produtoras e comerciantes da provincia á hora de garantir que tivésemos produtos de calidade nas nosas mesas durante as festas. No caso de “Agora máis que nunca non perdamos a proximidade”, seguindo a estela anterior, fomentamos a compra en comercios locais e a escolla de produtos de proximidade e de temporada. E, en último lugar, a campaña “Dillo con flores” puxo o foco nun sector moi afectado pola pandemia: o da planta ornamental e flor cortada do Baixo Miño, co que a Deputación se comprometeu desde o primeiro momento fomentando o seu consumo e creando un selo propio de orixe co que distinguir este produto nos puntos de venda.