A Plataforma en Defensa da Liberdade de Información (PDLI) vén de facer público o seu balance anual do 2020 no que destacan que "en 2020 non só non se produciu ningún avance en materia de liberdade de expresión e información, senón que foi un ano, como os anteriores, con ameazas graves a estes dereitos fundamentais.
A PDLI lembra no seu balance os informes das Nacións Unidas, a Comisión Europea e a Unesco que sinalan a existencia de límites en España á liberdade de expresión. Engade que a crise sanitaria provocada polo coronavirus veu a agravar a situación nesta materia, especialmente polas situación económica dos medios de comunicación e a falta de transparencia dos gobernos.
En concreto, a plataforma, integrada por organizacións e persoas do ámbito xurídico, xornalístico e dos movementos sociais e cidadáns, destaca dez cuestións en relación á liberdade de expresión: os ataques a contidos satíricos (como a denuncia contra Toni Galmés ou a confirmación da condena a Mongolia), o recurso ante o Constitucional da reforma da Lei Xeral de Telecomunicacións, a vixencia das denominadas Leis mordaza logo de cinco anos, as numerosas agresións a xornalistas e acoso online a comunicadoras, as carencias en cuestión de transparencia sobre a pandemia das administracións, a aparición de "globos sonda" contra a liberdade de información usando como excusa os bulos sobre a Covid-19, as iniciativas perigosas para a liberdade de expresión como o anteproxecto de Lei de Memoria Democrática ou algunhas proposicións non de lei, as sentenzas como a que condenou a un sindicalista de Ferrol ou a un home que irrumpiu nunha misa, a presentación do anteproxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual e a situación do concurso da RTVE, e a caída de ingresos e os despedimentos en medios a consecuencia da crise sanitaria.